O Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) recibiu hoxe a visita dun amplo grupo de escolares como premio por gañar o certame Chefs saudables. Durante a xornada, coñeceron xunto aos profesionais do Centro bos hábitos de alimentación e a importancia que esta ten para o seu crecemento.
Da man do profesor de pastelería do CSHG Aitor Maiora, que elaborou diante eles unha serie de receitas sinxelas, saborosas e saudables, os cativos aprenderon a preparar doces e recibiron información sobre os nutrientes que deben incluír na súa dieta diaria.
Acompañados dos seus profesores, os nenos premiados gozaron dun pequeno almorzo antes de entrar en faena na aula de repostería, unha actividade que perseguiu sensibilizalos e xerar neles costumes saudables, en liña co citado concurso no que participaron máis de 30 colexios e 2.700 nenos de Educación Infantil e Primaria da provincia de Ourense.
A receita gañadora foi a do CEIP Eulogio Gómez Franqueira de San Amaro, consistente en salmón en papillote gornecido con patacas e corazóns de leituga primaverais. Tres colexios recibiron accésits. Foron o CEIP Virxe Pena da Sela, do Irixo, polos seus aguacates recheos de atún, bocados de pavo e mazá e sorbete de sandía; o CEIP Sarreaus, polos seus xeados saudables; e o CEIP Mariñamansa da capital ourensana, pola súa Flor de Primavera.