Para adxudicar os postos que aínda permanecen baleiros nos mercados municipais da Coruña, a Concellería de Emprego e Economía Social, dirixida por Alberto Lema, prepara unha nova convocatoria pública, despois de que o seu departamento puxese en marcha unha primeira, "de carácter histórico, xa que non se facía nada semellante desde o ano 94".
O responsable municipal visitou os novos postos situados no mercado municipal Eusebio da Guarda, da Praza de Lugo, que se están a poñer en marcha logo da adxudicación das prazas concursadas. "En breve, e logo do concurso público posto en marcha polo Concello no que se ofertaban espazos de venda nos que ademais se primaba de forma especial ao colectivo de persoas desempregadas, as prazas de abastos municipais ampliarán a súa oferta con 11 novos postos", destacou o edil, quen manifestou que na segunda convocatoria que se está a preparar "tamén se terán en conta de xeito especial criterios sociais, favorecendo a persoas en situación de desemprego ou vulnerabilidade, así como o feito de ofrecer produtos e proxectos diferenciadores e innovadores". "Ampliar a nosa oferta nos mercados é un dos novos retos que estamos a buscar, amparados nos estudos que se están a realizar no proceso de elaboración do Plan de Dinamización de Mercados", comentou o concelleiro.
"O Plan de Dinamización de Mercados segue adiante e avanzando e, en breves, os mercados contarán cunha páxina web municipal, xa que é importante que a poboación sexa consciente da gran oferta que hai nestes espazos", adiantou Lema. "Ademais da inminente posta en marcha da nova web, o Concello tamén está a promocionar os mercados mediante gastro-talleres e outras accións no propio entorno dos mercados", recordou.
Lema tamén ratificou o compromiso do Goberno por "acabar coa débeda histórica que os anteriores Executivos municipais contraeron cos mercados desta cidade, destinando recursos necesarios para a súa rehabilitación e mantemento". "Os orzamentos deste ano, como non podía ser doutro xeito, recollen unha partida destinada a actuacións de mantemento, pero tamén para iniciar a acometida dos proxectos de rehabilitación do mercado e praza de Monte Alto, así como de Santa Lucía", manifestou, á vez que recordou que só o custe global da rehabilitación da praza e mercado de Monte Alto ascende a 3,8 millóns de euros.