Xa se pode votar polo cartaz do San Froilán 2017

Dende este luns esta aberta a votación popular do concurso de deseño gráfico para elixir o cartel anunciador do vindeiro San Froilán 2017, coa finalidade de facer cómplice e partícipe á sociedade na elección da imaxe desta festa declarada de interese turístico galego e nacional, segundo anunciou a Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, que dirixe Carmen Basadre.

Ata o mércores, 14 de xuño, ás 12:00 horas, pódese votar entre as 159 creacións, a través da páxina oficial destes festexos na rede social Facebook, www.facebook.com/sanfroilan.info, premendo no botón de gústame que aparece na imaxe de cada un dos carteis.

Farase pública a selección a través das redes sociais oficiais do San Froilán e da páxina web do Concello www.lugo.gal. Tras esta votación popular, un xurado formado por tres persoas expertas seleccionará, entre as 10 de maior puntuación, a obra gañadora, que será premiada cun importe de 2.000 euros. 

Os restantes carteis presentados serán expostos nas redes sociais durante un mes. Unha vez finalizada a exposición, as e os autores terán un prazo de 15 días para recollelos; pasado este prazo, serán propiedade do Concello de Lugo, que decidirá o seu destino.