A Deputación da Coruña entrega os premios de fotografía turística

Primeiro premio
"San Cosme de Irixoa", "Catro Camiños" e "Posta de Sol en Muxía" foron as tres imaxes gañadoras do I Premio de Fotografía Turística convocado pola Deputación da Coruña. A entrega dos galardóns tivo lugar na sede da institución provincial, de mans do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e do deputado responsable da área de Turismo, Xosé Regueira.

O acto tamén contou coa presenza do xurado que seleccionou as fotografías gañadoras entre o total de 187 obras presentadas, composto polos fotógrafos Vítor Mejuto e Víctor Echave, as técnicas da área Maite Loureiro e Paula Cabado co deputado de Turismo, Xosé Regueira como presidente e o xefe do servizo de Promoción Económica, Turismo e Emprego, Rafael Díaz Aguado como secretario.

O gañador do primeiro premio, consistente en 3.000 euros en metálico, foi Yago Iglesias García por unha fotografía da ermida de San Cosme de Irixoa. O xurado destacou que se trata de "unha imaxe atemporal e serea, que fala de patrimonio e historia".

O segundo premio, dotado con 1.500 €, foi para Nacho Romero e a súa imaxe da praza coruñesa de Catro Camiños que, segundo o xurado é "unha obra cosmopolita, dinámica; é unha imaxe vibrante que reflexa o pulso dunha gran cidade".

Marcos Boedo Casanova foi galardoado co terceiro premio, de 500€, pola súa fotografía dunha "Posta de sol en Muxía", que foi escollida "por xuntar nunha mesma imaxe o mar e a gastronomía, e aínda que non hai esencia humana, vai implícita".

Por último, o xurado propuxo por unanimidade facer unha mención especial á obra "Curro", de José Manuel Fernández Souto, porque "a pesar de que a temática é moi recorrente no ámbito da fotografía, o encadre da imaxe é cinematográfico e novidoso".