Cun orzamento que supera o medio millón de euros para os organizados polos concellos, a Deputación da Coruña sitúase á cabeza das institucións que apoian os festivais de música, artes escénicas e audiovisuais. Á cantidade, sumarase en breve a resolución para os organizados por entidades que ampliará a distancia con outros organismos do ámbito cultural.
Curtocircuíto de Santiago e o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira con 90.000 euros son os dous festivais que reciben unha cantidade maior na liña de axudas a festivais da área de Cultura da Deputación da Coruña que, nesta edición, apoia vinte e cinco eventos organizados na provincia. En total son 518.187,14 € os que a área de Cultura destina a festivais organizados por concellos o que a sitúan, con diferencia, na institución que máis apoia o que se consideran especiais escaparates ao vivo para a música, artes escénicas e producións audiovisuais.
Esta cantidade, que a área de Cultura achega a festivais organizados por Concellos verase duplicada cando nuns días se resolva a liña de axudas para os organizados por entidades.
Festivais como Cineuropa, Rock in Cambre, Festival Carballo Interplay , Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil de Narón, Festival Desordes Sonoras, Mostra de Teatro de Cariño, Traz outro amigo Também de Cedeira, Fartar de Arteixo ou Val de Rúa de Betanzos son algúns dos vinte e cinco beneficiarios da liña de axudas para concellos en concorrencia competitiva seguindo criterios obxectivos como traxectoria, impacto social, número de edicións ou presenza de grupos, bandas e producións galegas. En poucos días darase a coñecer a resolución de axudas para festivais organizados por entidades co que a Deputación da Coruña achegará un millón de euros só para os celebrados na provincia.