
No caso concreto da Romaría Viquinga, a presidenta da Deputación, Carmela Silva manifestou que se trata "dunha das festas máis importantes das Rías Baixas, na que participaron o ano pasado máis de 50.000 persoas que poñen de manifesto que Catoira, sendo un concello pequeno é un concello internacional con capacidade para establecer relacións con países de Europa con tradición viquinga".
A Romaría Viquinga celebrouse por primeira vez hai 57 anos coa intención de rememorar a importancia de Catoira na defensa de Galicia fronte aos ataques dos normandos e sarracenos, que tiveron lugar nos séculos IX e X. A festa, que este ano terá lugar o vindeiro 6 de agosto, desenvólvese no conxunto das Torres do Oeste, declarado Monumento Histórico Artístico.