As festas do Apóstolo continúan unha xornada máis, nun mércores que traerá música, teatro e obradoiros para o goce de pequenos e maiores. A programación bota a andar ás 18:00 horas cun concerto de música tradicional a cargo de Do Fondo do Peto, que traerá os ritmos máis galegos á Vía Sacra. Este quinteto conta cun repertorio instrumental e vocal que se asenta sobre as bases da cultura musical galega do século XX. A formación está baseada nos grandes intérpretes e coros tradicionais e está composta por gaita, traverso, tamboril, bombo e pandeireta.
Na praza Roxa, de 18:00 a 20:00 horas continuamos a celebrar o mes da cultura urbana, unha das actividades resultado do proceso de orzamentos participativos de Mocidade. Nesta ocasión celebraranse varios obradoiros de DJ e Parkour.
Ademais, nova xornada dos programas Artellando nos barrios eArtellando nos currunchos, que buscan descentralizar a programación do Apóstolo e achegala a diversos barrios. Ás 19:00 horas, a praza Roxa, o LSC de Lavacolla e o CSC da Trisca acollen O vendedor de fume, de Teatro dos Ghazafelhos; Lila Star, de Pistacatro Produtora de Soños; e a sesión de contos Baobab, respectivamente. Pola súa banda, os arcos de Bonaval albergarán a música-performance da portuguesa Vania Couto, que nos trae Projecto Branta a partir das 21:00 horas. Xa ás 23:00 horas, na praza do Toural, artellaremos na noite con Celina da Piedade.
Unha das actuacións principais deste mércores vén a cargo de Chévere, que celebra os seus 30 anos de historia por todo o alto. Ás 23:00 horas volverán viaxar ao País dos Ananos acompañados de todas aquelas persoas que encherán a praza da Quintana. Xa están esgotadas as invitacións para as cadeiras, aínda que o acceso aínda é posible para aquelas persoas que queiran ver o espectáculo teatral dende as escaleiras da praza ou de pé.
A troupe da Ultranoite fai unha viaxe cabareteira e musical ao País dos Ananos para amosar como viven, como se organizan, como exercen xustiza, que ven na tele, como bailan e comen os ananos. Calquera parecido cos galegos é pura casualidade.
Finalmente, este mércores tamén nos trae música da man do ciclo de concertos ao fresco Terrazeando. Nesta ocasión, a cita é ás 21:00 horas no Hotel Costa Vella, onde as persoas que se acheguen poderán escoitar a Cómo Vivir en el Campo.
Por outra banda, a Real Filharmonía de Galicia participa un ano máis nas celebracións das festas do Apóstolo, conmemorativas do Día de Galicia. A compostelá praza da Quintana acollerá este xoves, 20 de xullo, un concerto dirixido polo mestre titular da agrupación, Paul Daniel, ás 21:00 horas. As entradas, que eran gratuítas previa retirada da invitación na billeteira do Teatro Principal, xa están esgotadas. En caso de choiva, a actuación trasladarase ao Auditorio de Galicia.