A Universidade presidirá e coordinará o comité científico da candidatura das Cíes a Patrimonio da Humanidade
O pasado venres o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, asinaron un convenio de impulso ao obxectivo "Illas Cíes Patrimonio da Humanidade", un acordo segundo o cal a institución educativa presidirá e coordinará o comité científico e proporcionará o "aval científico" á candidatura.
O edil vigués valorou este "salto cualitativamente tan importante" ao entrar nun dos "camiños imprescindibles" para obter o recoñecemento da Unesco, como é o aval científico, despois de levar catro anos no proceso de "creación de conciencia social colectiva". O alcalde agradeceu ao reitor e ao Campus do Mar a súa colaboración pois "é seguramente a mellor garantía" de éxito para as Illas Cíes.
O reforzo científico-técnico é un dos eixos da candidatura é neste eido se enmarca o acordo entre o Concello e a Universidade de Vigo, como líder do Campus do Mar, que congrega ás principais universidades, centros de investigación e plataformas de investigación da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Así, o Concello encarga á Universidade a presidencia e coordinación do comité científico creado para a candidatura, ademais de responsabilizarse de avalala e validala cientificamente.