Andaina e trail Ruta do Faro en Avión

O Concello de Avión organiza a novena edición da súa andaina e primeiro trail “Ruta do Faro”, evento deportivo que se celebrará o domingo, 23 de xullo. A presentación desta proba deportiva tivo lugar no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Avión, Antonio Montero; e o técnico deportivo do Concello de Avión, Darío Vázquez.

O técnico deportivo de Avión detallou os aspectos técnicos das probas sendo para andaina tres rutas: unha curta de 7,5 quilómetros, unha media de 15 quilómetros e unha longa de 25 quilómetros. En canto ao trail hai dúas posibles modalidades de 25 e de 15 quilómetros. “Este ano, por primeira vez, organizamos un trail cronometrado para darlle un carácter competitivo a todos aqueles que queiran correr”, explicou Darío Vázquez.

A saída da proba será para as andainas media e longa ás 8.30 horas, mentres que para andaina curta e as probas do trail ás 10.00 hora, “para que conflúan os que van a correr cos que van a andar”, explicou Darío Vázquez, quen sinalou que “a participación solemos superala cada ano, polo que esperamos superar os 200 participantes do ano pasado”.

Os interesados en participar poderán inscribirse, a través da web www.magmasports.es, ata o día 17 de xullo. O custe da inscrición da andaina é de 20 euros e do trail de 22 euros, ambas inclúen comida, avituallamentos, camiseta conmemorativa e sorteo de agasallos entre os asistentes.



,