A cooperativa CLUN celebrou un encontro co grupo Mulleres de Seu en recoñecemento ao premio recibido recentemente por Cooperativas Agro-Alimentarias de España na categoría de ‘Igualdad de Oportunidades’.
A cita, que reuniu a máis de 40 mulleres socias, contou coa participación da secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella; da presidenta da Asociación de Mulleres de Cooperativas Agro-Alimentarias de España, Jerónima Bonafé; ademais de directivas da Cooperativa como a responsable de Persoas, Sonia González, e directivos, como o seu presidente, José Ángel Blanco e vicepresidente, José Montes.
O proxecto Mulleres de Seu, que ten implicado a máis de 450 socias desde o seu nacemento no 2013, constitúe unha das liñas prioritarias da política de Responsabilidade Social Corporativa de CLUN. Entre os seus obxectivos están o fomento do empoderamento feminino, o desenvolvemento profesional e o liderado das mulleres, dignificando o seu papel no medio rural.