Buscando favorecer a participación da cidadanía nas Festas de María Pita 2017, garantir a seguridade e fomentar a mobilidade sostible, o Concello da Coruña porá en marcha un dispositivo especial de transporte urbano. Así, a Compañía de Tranvías articulará unha serie de liñas especiais e de servizos dos denominados Búho para dar resposta ás demandas da cidadanía durante a celebración dos concertos dentro do ciclo As Noites de María Pita, o Noroeste Estrella Galicia e a Batalla Naval.
O primeiro destes servizos especiais funcionará os días 1, 2 e 3 de agosto, coincidindo cos concertos previstos na Praza de María Pita de Xoel López e Ses, así como o espectáculo Chané na Habana. O servizo habitual de bus non se modificará, se ben establecerase un servizo extraordinario do bus Búho (no Obelisco) que consistirá ademais en dous autobuses: un no sentido de circulación habitual do Búho e outro en sentido inverso. Realizarán dúas saías, unha en torno ao remate dos concertos, ás 00.30 horas, sendo a última en torno ás 01.30.
Por outro lado, os días 4, 5 e 6, cando María Pita acolla os concertos de Jarabe de Palo, Macaco e Miguel Bosé, está previsto, á saída dos concertos, en torno ás 00.30 horas, un dispositivo consistente en 7 liñas especiais con saídas dende Porta Real-Mariña. En concreto, a Liña 1 dará cobertura ás zonas da Palloza, Gaiteira, Os Catros, Castrillón e Avenida de Monelos. A 1A conectará Castro Camiños, Salvador de Madariaga, Mato Grande e Eirís. A liña 3A unirá Porta Real con Labañou e Os Rosales, mentres que a liña 6 dará servizo a Juana de Vega e posteriormente enlazará con Peruleiro, Ronda de Outeiro, Ventorrillo e Villa de Negreira. A liña identificada neste dispositivo como 11 sairá de Porta Real, entrará por Juana de Vega á Praza de Pontevedra, Juan Flórez, Pla y Cancela e acabará na zona dos Mallos. Por último, a liña 23 dará cobertura a Ramón y Cajal, Pablo Picasso, Birloque e Novo Mesoiro. Á marxe destas liñas, a partir das 01.30 horas entrarán en servizo dous Búhos, un no sentido de circulación habitual e outro na contraria, rematando no horario habitual con saída no Obelisco.
Tamén o Noroeste Estrella Galicia, tanto na praia como nas súas distintas localizacións na cidade contará cun dispositivo de transporte público especial. Os días 8, 9 e 10 de agosto, celebraranse distintos concertos ao longo da tarde-noite en distintos escenarios da cidade como a Casa Museo Casares Quiroga, a Praza das Bárbaras, San Nicolás, Campo da Leña, Fundación Luís Seoane e Castelo de San Antón. Para poder dar cobertura a todas as actividades funcionarán dous Búhos, un no sentido habitual de circulación e outro no inverso, sendo a primeira saída ás 23.30 horas e a última ás 01.30 horas.
Tamén haberá liñas Búho dispoñibles para as persoas que acodan os días 11 e 12 de agosto aos concertos dentro do Noroeste que terán lugar na praia de Riazor. Unha vez máis, funcionarán dúas liñas de buses Búhos, un no sentido habitual da circulación e outro no inverso. A novidade neste caso é que se instalará unha parada provisional no Paseo Marítimo, á altura da Couraza, previa a intersección Modesta Goicuría.
O día 14 de agosto, e co gallo da Batalla Naval, o servizo nocturno do Búho porase en funcionamento, de novo, con dúas liñas, ás 00.30 horas cun intervalo de 15 minutos. A partir das 01.30 horas o servizo prestarase cunha frecuencia de 30 minutos, sendo a última saída ás 05.00 horas.