O 4º Festival Agrocuir da Ulloa quenta motores

Monterroso celebra esta fin de semana unha Festa Agrocuir previa ao Festival que, por 4º ano consecutivo, se celebrará a última fin de semana de agosto na Granxa Maruxa. Con esta festa, o colectivo Agrocuir da Ulloa pretende visibilizar a diversidade, recadar fondos e cooperar con outras asociacións da comarca da Ulloa, a través da música, da cultura e da arte. Todas as actividades serán de acceso libre e gratuíto.

A Festa Agrocuir comezará este venres, día 28, ás 22h, na praza do Froito, co concerto de Fresquiños e cunha sesión de Dj's. O sábado, día 29, o completo programa de actividades "agrocuir" comezará ás 10h da mañá, cando arrinque a intervención mural que o Colectivo Matrioska desenvolverá ao longo de todo o día na rúa Concepción Arenal. Ás 13h, Llorián G. Florez ofrecerá o parladoiro Música, tradición e políticas trans e ás 18h, Alba Meijome facilitará o obradoiro de expresión libre Desestabilízate, no que se tratarán, sen patróns establecidos, a arte e a cultura a través dos cinco sentidos. Xa pola noite, ás 22h30, comezará na Zona da petanca municipal o ciclo Cinema Agrocuir da Ulloa, que continuará todas fins de semana de agosto ata o festival. Todas as actividades son de balde e as películas, que nesta ocasión serán Un chant d'amour e Paris is Burning estarán subtituladas ao galego.

Paris Is Burning (Jennie Livingston, 1990, 77') é un documental multipremiado en festivais como Berlín ou Sundance que explora o mundo das Houses, sociedades de gays e drag queens do Harlem dos 80 nas que tiñan lugar as Balls, competicións de baile moi elaboradas e estruturadas. Nas Houses desenvolvíase un poderoso vínculo afectivo entre as drags máis vellas (Mothers) e as primeirizas (Children), nun ambiente de competición, mais tamén de protección e socialización. A cineasta Jennie Livingston sitúa o filme nun escenario social marcado pola homofobia, a transfobia e a represión sexual, cunha dificultade de acceso aos recursos básicos que leva a homes e mulleres homosexuais e trans a desenvolver unha contracultura nocturna na que expresaren, entre outras cousas, o seu desexo dunha vida mellor. Paris Is Burning constitúe un impagábel documento da idade dourada dos bailes drag de Nova York, ademais dunha delicada exploración dos conflitos derivados da raza, a clase social e o xénero en Norteamérica.










Camiñando cara ao 4ª Festival Agrocuir






Os días 25 e 26 de agosto terá lugar en Monterroso (Lugo) o 4ª Festival Agrocuir da Ulloa, adicado á defensa do bosque autóctono e á loita do colectivo trans. Nesta cuarta edición, o festival transita dende o "agrogay" cara ao "agrocuir", nun intento de "abrir o abanico de posibilidades de existir, sen xénero que determine se es home, muller, lesbiana, gay, aldeán, urbanita, travesti, transexual, hetero ou calquera das denominacións nas que debemos encaixar para ordear, clasificar, cuantificar a cultural natureza humana". "Somos cuirs", resume Laura Halçague, "porque valoramos a liberdade de sentir, de ser o que cada un desexa".






O festival recupera, tamén, nesta edición a bandeira de oito cores, que é a bandeira orixinal que representaba o movemento LGTBIQ. "Perdéronse dúas cores polo camiño", explica Gina Gisbert, "o rosa e o azul claro, que representaban precisamente a bandeira trans". "O colectivo trans", abunda, "foi moi relegado dentro do movemento, a pesar de ser precisamente os que iniciaron a loita". Por iso, este ano o festival dedica os seus premios á visibilidade desta edición ao colectivo trans.






Monterroso converterase, así, a última fin de semana de agosto, na capital mundial do Agrocuir, demostrando, unha vez máis, que o rural galego "entende". A festa comezará o venres 25 na vila de Monterroso, coas actuacións de Silvia Penide e de Radio Cos. O sábado 26, xa de boa mañá, a Granxa Maruxa collerá un taller de baile tradicional con Gabi Reboredo e actividades lúdico-educativas coa Escola Semente, unha táboa redonda sobre a defensa do bosque autóctono e os procesos de eucaliptización tan tristemente de actualidade e a sesión vermú con Tanxugueiras. Despois do xantar colectivo na carballeira da Granxa, haberá un contacontos musicalizado coa Escola Semente, proxección final do ciclo de cine LGTBIQ a lectura do manifesto e a entrega dos premios á visibilidade e as actuacións estelares de Rodrigo Cuevas e Mercedes Peón. Pola noite, a festa trasladarase á vila de Monterroso, cos cantos de taberna e o peche na Peneda, a cargo de Moreno Moreno dj e máis sorpresas.






Todas as actividaes na vila de Monterroso serán gratuítas, pero o aforo da Granxa Maruxa é reducido, polo que para as actividades do sábado 26 de agosto se puxeron á venda 1.000 entradas a 7 euros. Poden mercarse en distintos puntos da xeografía galega: Café Bar A Cunca (Monterroso), As Canteiras (Antas de Ulla), Nacasa Do Outeiro (Palas de Rei), Bico de grao S. Coop. Galega (Lugo), A Arca da Noe (Vilar de Santos, Ourense), Chan da Pólvora (Santiago de Compostela), Amarante Setem (Pontevedra), Discos Elepe (Vigo) e Discos_Portobello (A Coruña).






Pódese seguir a información do festival a través da súa páxina de facebook: facebook.com/festivalagrolgtbiq