O tren peregrino, cuxos billetes xa están á
venda, volverá percorrer a Comunidade galega este verán por terceiro ano
consecutivo permitindo que aqueles viaxeiros que o desexen poidan percorrer a
pé ou en bicicleta as últimas etapas do Camiño Portugués e obter a Compostela.
Este percorrido, enmarcado na oferta turística
ferroviaria para este verán impulsada por Turismo de Galicia, Renfe e o
Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), partirá de Madrid con
destino Santiago de Compostela e terá catro saídas, os días 3, 10, 17 e 24 de agosto.
Cada viaxe durará catro días e cinco noites e os
viaxeiros que realicen o camiño atravesarán as poboacións de Tui, O Porriño,
Mos, Redondela, Arcade, San Amaro, Vilagarcía de Arousa, Cambados, O Grove,
Caldas de Rei, Valga, Padrón ou Teo que pertencen ao Camiño Portugués que, por
primeira vez se incorpora ao percorrido do Tren Peregrino.
Este ano ademais das novidades no itinerario,
aqueles que o desexen poderán recorrer as etapas cuxa lonxitude sumada permita
obter a Compostela ao final da viaxe. Para acadala, os peregrinos deben
acreditar ter realizado polo menos 100 quilómetros a pé, o que se pode lograr
nas tres etapas que inclúe o programa do Tren do Peregrino.
Dende a estación na
que o tren se detén ata o lugar onde se inicia a etapa da Ruta Xacobea os
viaxeiros serán trasladados nun autobús que os acompañará no seu traxecto para
os desprazamentos que sexan necesarios. Ademais, esta nova opción de vivir a
experiencia que supón o Camiño de Santiago, inclúe unha selección de
excursións, actividades e visitas culturais completan a viaxe no tren-hotel.
O Tren do
Peregrino forma parte do programa Galicia
a todo Tren, o
proxecto turístico pioneiro que permite coñecer a Comunidade galega en tren e
que dende o mes de xuño está a ter unha moi boa acollida entre os viaxeiros. A
edición deste ano inclúe 11 itinerarios, que inclúen as rutas Ourense termal e
de compras, a ruta Descubrindo A Coruña, a ruta dos Pazos e Xardíns históricos,
a Ruta da lamprea, a Ruta Lugo Romano, a Ruta dos Faros e as rutas das cinco
denominacións de orixe.