A Xunta de Galicia ven de reixeitar o proxecto da Deputación de Pontevedra para a ‘Mellora da mobilidade peonil e da seguridade viaria nas EP-2202 e EP-2203 que coinciden co Camiño de Santiago pola Costa' no Concello de Baiona.
A Dirección xeral de Patrimonio emitiu un informe desfavorable que esixe que a senda peonil prevista na actuación cun largo de 2,5 metros sexa reducida a "non moito máis dun metro". Esta modificación, segundo explicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, non será aceptada polo departamento de Mobilidade provincial, que presentará as correspondentes alegacións para que se cumpla cos criterios de "accesibilidade e seguridade" para os peóns.
Co novo proxecto, a Deputación pretende reordenar e optimizar o espazo das dúas estradas provinciais delimitando o uso de cada zona, executar unha senda peonil de xabre cunha sección útil de 2,5 metros na marxe esquerda, crear un miradoiro cunha zona de descanso e un pequeno aparcadoiro, renovar a iluminación e instalar elementos de calmado de tráfico.
Entre outras cuestións, o departamento autonómico de Patrimonio esixe na súa resolución que se debe "reducir a anchura da senda peonil", xa que "non é necesaria tanta dimensión para o paso", xustificándose en que para poder acadar a largura de 2,5 metros hai que facer "considerables desmontes afectando aos penedos e ás árbores existentes na zona". Patrimonio indica, así mesmo, que para obter un pronunciamento favorable con carácter definitivo debe revisarse o "excesivo largo" da senda "reducíndoa a non moito máis dun metro".
Benítez lembrou que dous dos eixos prioritarios da Deputación á hora de realizar novas actuacións son cumplir criterios de seguranza viaria e accesibilidade universal para que os espazos públicos e as vías provinciais sexan aptas, sobre todo, para os colectivos máis vulnerables (persoas con mobilidade reducida, diversidade funcional e tamén crianzas ou persoas maiores). "As esixencias da Xunta deixan de lado eses criterios e para nós son unha cuestión insalvable", subliñou.