O Deputado de Turismo da Deputación de Lugo, Eduardo Vidal Baamonde, e o Presidente da Liga Santaballesa, Isidro Cillero, presentaron na Escola Habanera de Santaballa, a VII edición da Feira Indiana de Vilalba, que organiza a Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa e que terá lugar o 16 de setembro na Parroquia de Santaballa, no municipio vilalbés.
O Goberno da Deputación colabora coa celebración deste evento cunha achega económica de 2.000 euros, converténdose, deste xeito, no principal patrocinador da festa, dentro da súa aposta pola celebración de eventos lúdicos e culturais nos diferentes Concellos da provincia, como unha das liñas do seu Plan Estratéxico de Turismo.
Vidal Baamonde remarcou que “a achega económica que realiza o organismo provincial a esta cita turística que xa está consolidada, é un investimento real e directo para promocionar toda a Terra Chá. Durante a feira seremos testemuña da transformación de toda a parroquia de Santaballa, na que se poderá revivir a recreación dun recuncho de Cuba, un dos destinos que tivo a emigración de finais do S.XIX. Con esta feira poñemos en valor o legado cubano desta zona, a gastronomía e os oficios tradicionais lucenses, ademais de dinamizar a economía do Concello de Vilalba e promover o turismo, posto que se prevé a participación de preto de 2.000 persoas”.
Nesta VII edición da Feira Indiana participarán preto de 20 profesionais da artesanía, chegados de distintos puntos da xeografía galega, que amosarán ao público distintos oficios tradicionais, como a cantería, cestería, tornaría ou forxa, así como outros 20 postos con produtos da zona á venta, como empanadas, chourizos, doces ou licores, entre outros. Ao longo da xornada haberá visitas guiadas á casa museo da Liga Santaballesa, exposicións etnográficas e fotográficas, actividades infantís, espectáculos teatrais e actuacións musicais.