A XVII edición da Festa do Mar de Combarro terá lugar entre os días 23 e 27 de agosto. Naceu no ano 2001, como un evento conmemorativo que celebraba a chegada das expedicións “Sant Efflam”, e “Vers la Galice” na que un grupo de embarcacións tradicionais procedentes de Irlanda, Gran Bretaña, e o País Vasco arribaban ata as nosas costas, rememorando esas viaxes que realizaran os primeiros peregrinos, percorrendo o Camiño de Santiago na súa versión marítima.
Celebrábase entón o “V Encontro das Embarcacións Tradicionais de Galicia”, que se iniciou no ano 1993 en Ribeira, e que no ano 2001 tivo o seu tradicional encontro na vila mariñeira de Combarro. Con este pretexto xurdiu a idea de crear unha festa adicada ao mar, tendo en conta que Poio é un pobo costeiro onde o mar está presente nas vidas dos veciños dende tempos ancestrais.
O Concello de Poio, e máis concretamente a Concellaría de Turismo, son os responsables da organización e desenvolvemento deste evento, xunto coa colaboración de distintas asociacións, clubes e outros colectivos do municipio. Así, ano a ano a “Festa do Mar” ven incrementado os seus contidos cunha gran variedade de actividades e eventos onde o gran protagonista segue a ser o mar, acompañado por actividades como o mundo da vela tradicional, o folclore, a mostra gastronómica, as exposicións relacionadas co mar, os obradoiros mariñeiros e as actuacións musicais.