O deputado delegado de Turismo Rías Baixas, Santos Héctor Rodríguez, presentou hoxe en rolda de prensa o catálogo que permitirá descubrir As Rías Baixas a través de rutas en moto. Santos Héctor sinalou que se trata "do primeiro folleto que se edita nesta categoría na nosa provincia e permitirá descubrir As Rías Baixas dunha maneira diferente". Baixo o nome de "Apaixonante. Rutas en moto, sinte Rías Baixas", a guía repartirase nas oficinas de turismo da institución provincial e tamén entre os clubs de motoristas de todo o Estado. O catálogo, que tamén estará dispoñible na páxina web www.turismoriasbaixas.com, propón catro rutas distribuídas ao longo de toda a provincia para gozar da beleza natural e da cultura milenaria de Pontevedra.
A primeira das rutas é a "Ruta Costa longa", que transcorre entre A Guarda e Catoira. Deste xeito, sinalou Santos Héctor, os e as motoristas coñecerán "os muíños do Folón e do Picón, as Pozas de Mougás, os concellos de Baiona, Vigo, Redondela, Pontevedra e Sanxenxo, a praia da Lanzada, O Grove, a Illa da Toxa, Cambados, A Illa de Arousa e Vilagarcía de Arousa", ademais dos concellos de inicio e de chegada.
A segunda das rutas é a "Ruta Costa curta", nesta ocasión entre Baiona e Pontevedra. Dentro do seu trazado os e as apaixonadas das motos poderanse deter "nas praias de Panxón, Patos e Prado, ademais de nos concellos de Vigo, Moaña e Cangas, onde poderán visitar Cabo Home mailo núcleo de Aldán, e tamén as vilas de Bueu e Marín", asegurou o deputado delegado de Turismo.
A terceira proposta chámase "Ruta Interior-Costa" e parte da Cañiza para chegar á Guarda. As persoas que escollan esta opción poderán "coñecer os concellos de Arbo, Salvaterra de Miño, Tui e a parroquia de Goián, en Tomiño", afirmou Santos Héctor.
A cuarta e última ruta, baixo o nome de "Ruta Interior", transcorre entre os concellos de Silleda e Poio. Tras deixar atrás lugares como o mosteiro de Carboeiro ou a fervenza do río Toxa, pasarán "por Lalín, Forcarei e Pontevedra", sinalou o deputado, para chegar ata o punto de chegada co conxunto histórico de Combarro como protagonista.
Para a presentación da guía, a Deputación de Pontevedra contou coa presenza da xornalista, blogueira e influencer motorista Alicia Sornosa, "que xa pasou á historia por ser a primeira muller de fala hispana en dar a volta ao mundo en moto", asegurou Santos Héctor. Alicia Sornosa estes días está a percorrer a provincia de Pontevedra neste medio de transporte co obxectivo de "dar a coñecer o interesantes que son As Rías Baixas para visitalas a dúas rodas", sinalou o deputado, que lembrou que "Alicia Sornosa xa percorreu os cinco continentes relatando as súas experiencias na súa páxina web e nas súas redes sociais", nas que conta con entre 33.000 seguidoras e seguidores en Facebook ou os preto de 7.000 en YouTube, "e colabora tamén na guía Repsol".