Valdoviño, capital mundial do surf

A praia de Pantín, en Valdoviño, acolleu esta mañá a presentación da trixésima edición do Pull&Bear Pantín Classic, o campionato de surf máis antigo e internacional de cantos se celebran en España, que se disputará ata o 3 de setembro, coa participación de representantes das diferentes institucións e empresas que colaboran na organización deste evento deportivo que reúne a algúns dos mellores surfistas internacionais.

O acto contou coa asistencia do deputado provincial Bernardo Fernández; o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey; a directora xeral de Turismo, Nava Castro; os alcaldes de Valdoviño e Ferrol, Alberto González e Jorge Suárez, entre outras autoridades e representantes das entidades patrocinadoras do evento.

Bernardo Fernández destacou "a gran magnitude" que alcanzou a competición nos seus trinta anos de historia, e que contribuíu a "situar a Valdoviño e a comarca de Ferrol no mapa do surf mundial". Así mesmo, subliñou a contribución da Deputación da Coruña, non só na promoción do Pantín Classic, senón tamén "na mellora das infraestruturas, os accesos e a sinalización das praias da zona", que constitúen un destino único para a práctica do surf.

Pola súa banda, o alcalde de Valdoviño, Alberto González, destacou a colaboración entre administracións e patrocinadores privados, que "confiaron neste evento desde 1987", así coma dos veciños e veciñas do municipio e de todos aqueles que "facilitan e poñen o seu grao de area" para a organización do Pantín Classic. "Debemos destacar que todo este traballo se fixo desde un concello pequeno", destacou González e reiterou o seu agradecemento a todos os concellos da comarca ferrolá "que tamén colaboran para que o Pantín Classic siga sendo posible".

A directora xeral de Turismo, Nava Castro, destacou a importante repercusión do evento a nivel turístico, e puxo de relevo a importancia de "coidar e manter o medio ambiente, posto que a natureza é o primeiro motivo polo que os turistas elixen Galicia".

Pola súa banda, Vicente Irisarri, un dos precursores do Pantín Classic e ex alcalde de Ferrol, destacou o longo traballo realizado ao longo destas tres décadas para consolidar a competición coma unha proba de referencia a nivel mundial. "Nestes anos, pasaron moitas cousas, pero seguen presenten as ondas de sempre", afirmou Irisarri, que apuntou que o Pantín Classic tamén serviu para "unir a mozos de todas as culturas en torno ao mar".