Segundo as estimacións da Policía Local, os catro aparcamentos disuasorios do San Froilán, contemplados no Plan de Tráfico e Mobilidade deseñado polo Concello con motivo das patronais, teñen capacidade para máis de 5.000 vehículos, e estarán comunicadas co centro da cidade por bus urbano a través de dúas liñas especiais nos días e horas de maior afluencia de público.
A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, lembrou que as zonas de aparcadoiro disuasorio están nas inmediacións das principais vías de acceso á cidade: dúas na rúa Campos Novos, unha nas Termas e outra en San Fiz. Estarán debidamente sinalizadas mediante carteis para que os visitantes e a cidadanía en xeral as encontre facilmente, evitando así, na medida do posible, o acceso do vehículo privado ao centro e ao recinto feiral. De feito, o Concello solicita a colaboración cidadá pedindo aos veciños e veciñas que reduzan o uso dos coches e utilicen os catro aparcadoiros disuasorios e o transporte público.
Para iso, o Concello reforzará a liñas de buses urbanos:
- Prolongación dos horarios nas seguintes liñas:
Os días 4, 7 e 11 de outubro (vespera de festivo), as liñas 3A (Acea de Olga-Ramil), 4 (Tolda-Abella), 6 (Montirón-Residencia- A Cheda) e 7A (Gándaras- Cemiterio), prolongarán os seus percorridos habituais ata as 03:00 horas.
Os días 5, 8 e 12 (domingo e festivos), as liñas especiais 3AE (Acea de Olga-Ramil), 4E (Tolda-Abella), 5E (As Gándaras-A Campiña-Cemiterio) e 6E (Montirón-Residencia-A Cheda), prolongarán os seus percorridos habituais ata as 02:00 horas.
- Servizos especiais que comunicarán zonas dos estacionamentos disuasorios co recinto feiral os días 4, 7 e 11, dende as 22:00 ata as 03:00 horas, e os días 5, 8 e 12 dende as 12:00 as 02:00 horas.