Responsables do proxecto “Galicia Norte, Mares de Experiencias”, impulsado polos GALP Golfo Ártabro Norte e A Mariña-Ortegal, reuníronse este mércores en Miño para explorar potenciais negocios de turismo mariñeiro na zona.
Ante representantes do concello, asociacións, empresas do sector privado e particulares, os técnicos do proxecto informaron sobre o potencial económico e laboral do turismo mariñeiro e detectaron o interese pola creación de negocios neste eido, que ten moita marxe de crecemento.
Entre os obxectivos que persiguen estas xornadas está a de difundir as accións do proxecto, que creará cinco rutas turísticas conxuntas para todo o territorio que vai desde Paderne ata Ribadeo (a cuarta parte de todo o litoral galego), nas que o mar é o denominador común.
Durante a sesión, achegáronse casos de éxito de turismo mariñeiro xa implantados noutras zonas de Galicia, como o da lonxa de Cedeira (A Coruña), a carpintería de ribeira Francisco Fra en San Cibrao (Lugo) ou a asociación de mulleres Guimatur en Cambados (Pontevedra).
Tras Miño, os impulsores desta iniciativa visitarán os seguintes concellos:
• Viveiro. Luns, 25 setembro. Horario: 11:00 – 12:30 horas. Salón Multiusos do Concello - Praza Pastor Díaz, 1
• Foz. Martes, 26 setembro. Horario: 11:30 horas. Salón da Casa da Cultura. Rúa Lugo, 1
• Narón. Mércores, 27 setembro. Horario: 11:00 – 12:30 horas. Salón Café Teatro. Pazo da Cultura, Rúa Holanda, s/n
Despois destes seminarios de difusión, celebraranse unhas xornadas formativas para a diversificación do sector turístico e pesqueiro, das que se ofrecerá máis información en cada un dos 5 encontros referidos.
“Galicia Norte. Mares de Experiencias” é un proxecto de cooperación interterritorial de turismo mariñeiro impulsado polos GALP (Grupos de acción local del sector pesquero) A Mariña-Ortegal e Golfo Ártabro Norte, e financiado con fondos europeos nos 23 concellos da Coruña e de Lugo que conforman a súa área de actuación.
Esta iniciativa terá como resultado a creación de 5 experiencias ao longo de 384 kilómetros da Galicia máis septentrional, a cuarta parte da costa galega. Outro dos obxectivos é formar á poboación para dinamizar a creación de novos produtos e servizos relacionados co mar e co turismo para impulsar o relevo xeracional no sector da pesca e a fixación de poboación nova.