Unhas dúas mil persoas participaron nos meses de xullo, e agosto, e mesmo na primeira quincena de setembro, nas actividades promovidas desde o Concello de Ferrol dentro do produto Ferrol da Ilustración, de acordo aos datos recadados pola concellería de Turismo, Cultura, Educación e Festas.
En total foron unhas 2000 persoas distribuídas en diferentes pases entre xullo e mediados de setembro. Ao Arsenal Militar realizáronse, en total, 22 visitas (con distintos grupos); unha ducia a Navantia 12 visitas; 4 visitas teatralizadas á fortaleza militar de San Felipe; 5 visitas ao Palacio de Capitanía e 10 programacións da ruta modernista teatralizada.
Atendendo aos datos recollidos, o Castelo de San Felipe, segue a ser a fortaleza/monumento máis visitado de Ferrol, sumando 17 mil persoas nos meses estivais.
Os paseos diarios en barco pola ría de Ferrol,que se realizaron entre o 1 de xullo e o 10 de setembro, interesaron a máis de 3000 persoas e unhas 300 utilizaron tamén o barco para asistir as visitas teatralizadas en San Felipe.
Unha das novidades con mellor acollida da proposta estival 2017 foron as rutas en taxi polo litoral de Ferrol, que foron valoradas positivamente pola Asociación RadioTaxi. Ofertáronse 5 percorridos a prezo fixo por vehículo, cunha duración variable de unha a tres horas nos meses de xullo e agosto polos espazos da zona LIC.
O perfil dos usuarios das rutas resultou ser, ao 99,9% xente de fóra de Galicia, fundamentalmente parellas de mediana idade en adiante, metade do Estado e do resto, doutras nacionalidades. Entre os estranxeiros, moitas veces, resultaron ser turistas dos cruceiros que atracan no peirao de Curuxeiras. Entre as rutas con mais demanda, a que percorría o tramo do litoral de Doniños a San Xurxo.
Por último, a ruta gastronómica "Do mar ao prato", cun percorrido de 2 horas polo Ferrol máis mariñeiro, a lonxa, o mercado, o Barrio dá Magdalena e punto final nun restaurante para unha degustación da gastronomía local, aglutinou a 120 persoas nas súas 11 visitas dispoñibles. Foi especialmente destacable unha visita realizada coa Asociación de Persoas Xordas de Galicia.
Para concluír, a ocupación media hostaleira en Ferrol foi do 82'25% en xullo e do 90% en agosto e a cifra de turistas e visitantes que se achegaron ás dúas oficinas municipais de turismo ascendeu a 10.682 persoas, supoñendo os peregrinos do Camiño Inglés o 25'22% do total.