I Trail Galaica Ribeira Sacra de Pantón

O I Trail Galaica Ribeira Sacra de Pantón, sexta e última proba do Circuíto Galego de Carreiras de Montaña, terá lugar o vindeiro domingo 24 de setembro no entorno da Ribeira Sacra lucense. Foi presentado polo responsable da área de Turismo da Deputación de Lugo, Eduardo Vidal Baamonde, xunto ao alcalde de Ferreira de Pantón, José Luis Álvarez Blanco, e o Concelleiro de Deportes, Roberto Eireos Sáez.

O Goberno da Deputación é o principal patrocinador desta proba deportiva cunha achega de 6.000 euros, fomentando o turismo activo na Ribeira Sacra durante a fin de semana. Vidal Baamonde subliñou que “colaboramos con esta cita dentro da nosa aposta por potenciar a riqueza natural, patrimonial, artística e gastronómica da que dispón a nosa provincia, como unha das liñas que establece o Plan Estratéxico de Turismo, totalmente participativo, que elaboramos dende a Deputación. A través deste trail damos a coñecer paraxes únicas como o entorno do río Miño, a Fervenza da Auga caída e os viñedos da Ribeira Sacra lucense, que serán os protagonistas da proba final do circuíto Trail Galaica 2017”.
Haberá dous percorridos: un trail curto ou minitrail de 15-16 quilómetros, cun desnivel acumulado de 1.350 metros; e un trail de 21-24 quilómetros, cun desnivel acumulado de 2.000 metros. A saída terá lugar ás 10:00 horas dende o embarcadoiro da Maiorga e a meta estará situada no Paseo da Deputación en Ferreira de Pantón. Ademais, haberá servizo de duchas no polideportivo municipal desta localidade.

Trail Galaica é un circuíto de carreiras de montaña que percorre os recunchos máis ocultos e as fronteiras máis inexploradas da xeografía galega. Trata de ensalzar, a partir dunha actividade deportiva de moda como o trail, os montes galegos e poñelos en sintonía cos deportistas que acepten o reto do trail de montaña.

O circuíto contou con seis probas, sendo as localizacións de Ames, Muros, A Pobra, A Baña, Boborás e Ribeira Sacra as encargadas de dar cabida aos deportistas que tomaron parte de cada unha das probas.