
O presidente do goberno provincial destacou o protagonismo da provincia de Ourense na edición deste ano de "La Vuelta", "con presenza no "Parque Vuelta", unha infraestrutura que visitan máis de 100.000 persoas e que supón un dos emprazamentos máis importante para "vender" destino turístico". Baltar lembrou que esta alianza entre a Deputación e unha marca tan importante como "La Vuelta" "comezou cunha etapa que rematou en Nogueira de Ramuín, e o ano pasado coa 71ª edición de "La Vuelta", denominada "Ourense Termal-Madrid", con catro etapas na nosa provincia, coa presentación de equipos e sendo, sen dúbida, a provincia con maior presenza e protagonismo de todas as edicións celebradas desta proba ciclista", expresou Manuel Baltar.
Este ano volveu destacar o peso da provincia de Ourense en "La Vuelta" con milleiros de persoas que se achegaron ao stand do Inorde, no que se promocionou a riqueza termal e turística da provincia de Ourense, coa posibilidade de facerse fotos ao carón das paisaxes e monumentos máis emblemáticos do territorio ourensán, de participar en sorteos termais, "en definitiva, un éxito de convocatoria e resposta do público –cualifica Manuel Baltar-, cumprindo as expectativas que tiñamos desde o principio".
O presidente da Deputación considera que a colaboración entre "La Vuelta" e a provincia de Ourense "é unha alianza importante, xa que Ourense é un territorio magnífico como escenario de competicións deportivas de primeiro nivel; xa amosamos o noso potencial organizativa no pasado con esas catro etapas, e temos capacidade suficiente para encarar o futuro aliados e cooperando con esta proba ciclista, conxuntamente estas dúas marcas: "La Vuelta" e "Ourense".
A provincia de Ourense estivo presente nas 21 etapas dentro da caravana da Vuelta 2017, cun vehículo e un stand no que se ofreceron actividades promocionais da nosa provincia, baseadas no termalismo, a natureza, a cultura o patrimonio, a etnografía e as tradicións.