A nai de todas as feiras celébrase en Monterroso

Feiras en Galicia hai moitas. A riqueza gastronómica galega súmase ao carácter sociable dos seus habitantes, que dende sempre buscaron lugares de encontró para pasar un día de festa mentres intercambiaban gando e productos agrícolas. Pero co permiso dos centos de celebracións que salpican a nosa comunidade, poucas feiras resisten a comparación coa histórica Feira de Santos de Monterroso (Lugo).

Falamos dunha das citas clave do outono galego, unha feira de feiras que se celebra cada 1 de Novembro dende os tempos dos Reis Católicos, un verdadeiro feirón que reúne o mellor do rural, da gastronomía e da tradición galega.

Por suposto, un evento que data de 1450 tivo por forza que evolucionar e adaptarse aos novos tempos. A feira cabalar segue sendo unha cita de importancia, na que se pechan dende primeira hora centos de vendas.

Pero a día de hoxe a venda de productos gastronómicos prevalece como atractivo principal, reunindo cada ano a milleiros de persoas que deciden achegarse a pasar o día de Todos os Santos en Monterroso.

En total reúnense máis de 1.000 postos ambulantes no recinto feiral, moitos deles cun paisano monterrosino detrás ofrecendo productos locais de gran calidade.

De certo, hai postos de roupa e bisutería, pero o centro neurálxico da feira é sen dúbida a gastronomía, cunha presenza especial dos productos típicos de outono.

Destacan os queixos Arzúa- Ulloa, os postos de castañas, de noces e de mel. Tamén hai infinidade de xamóns e embutidos para escoller, ringleiras de postos que despertan o apetito e semellan non ter fin.

Máis de 1.000 ocasións para encher a bolsa e levar algo para a casa. Pero o propio día da feira tamén hai que comer, e diso encárganse ducias de pulpeiros que se converten nos máis solicitados da feira cando se achega a hora do xantar.

Actuacións musicais e degustacións de productos locais completan a oferta dunha feira única, una oportunidade dourada para conectar coa tradición gastronómica galega máis auténtica.