A 39 edición do Rally San Froilán terá lugar os vindeiros días 27, 28 e 29 de outubro. A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Deputado de Deportes, Pablo Rivera, fiseron a presentación acompañados de representantes dos Concellos de Sarria, Outeiro de Rei, Pol e Láncara, municipios polos que transcorrerá a proba. No acto tamén participou o Presidente da Federación Galega de Automobilismo, Iván Corral Pérez, e a Vicepresidenta da Escudaría Miño, Mayte Vilanova López.
Concello e Deputación de Lugo son os principais patrocinadores da cita, que reunirá a 150 pilotos, entre eles os irmáns Vallejo, tres veces campións en 2010, 2013 e 2016, e milleiros de afeccionados durante a fin de semana.
"Falar do Rally San Froilán é falar de deporte, é falar de automobilismo, é falar de promoción da nosa cidade e da nosa provincia, polo tanto é falar de poñer a Lugo no mapa nacional", asegurou a Alcaldesa durante a presentación, ao tempo que lembrou o compromiso orzamentario do Goberno de Lugo co deporte. Así mesmo, Méndez emprazou á sociedade a achegarse o venres á Avenida Ramón Ferreiro, onde se concentrarán os vehículos participantes a partir das 16:30 horas, unha das novidades da proba nesta edición. Para rematar agradeceu o traballo ao longo dos 365 días da escudería Miño para organizar esta cita deportiva de gran alta calidade, "un espectáculo de reclamo para Lugo".
Rivera Capón subliñou que “incrementamos a partida para a celebración desta proba, pois somos conscientes da súa repercusión económica e mediática, xa que reúne de media a uns 40.000 espectadores en cada edición. Deste xeito, a colaboración do Goberno da Deputación enmárcase nunha das liñas do Plan Estratéxico de Turismo, como é a promoción de eventos de carácter deportivo na provincia que consigan atraer a un importante número de visitantes de todas as partes do territorio galego e das comunidades veciñas, que terán a oportunidade de coñecer e desfrutar dos encantos do noso territorio, ademais de gozar do espectáculo da proba”.