Segunda edición de Fairway, Forum do Camiño de Santiago,

Entre o domingo 12 e o martes 14 de novembro a segunda edición de Fairway, Forum do Camiño de Santiago, celebrarase no Palacio de Congresos e Exposicións de Compostela, coa meta de ser o punto de encontro de todos os profesionais e interesados ao redor das súas rutas.

Para acadalo vai contar cun congreso aberto, formado por relatorios e mesas redondas sectoriais; unha feira profesional na que empresas e institucións poderán amosar os seus recursos e servizos; e un workshop que fornecerá reunións de intercambio comercial con máis de 25 turoperadores internacionais.

O congreso, de acceso libre previa inscrición na web www.fairwaysantiago.com , celebrarase o luns 13 e o martes 14, namentres que o domingo 12 o evento contará cunha programación especial para todos os públicos, con actividades para nenos e familias.

Ademais dos relatorios no Congreso, Fairway Forum do Camiño de Santiago preparou unha serie de mesas de debate, nas que os profesionais poderán reflexionar e chegar a conclusións de modo conxunto sobre asuntos fundamentais das rutas a Compostela. Serán as tardes do luns e o martes, dúas mesas cada día.

Ademais, Fairway conta con Fairway City. Un programa que complementará o evento ofrecendo actividades para os participantes que veñen de fóra e para os propios habitantes da cidade. Contará con música, fotografía, gastronomía, narración oral…

Por outra banda, a tipoloxía de firmas e institucións que contrataron o seu espazo na feira profesional é diversa. Non faltarán: Correos, axencias de viaxes, transporte de viaxeiros, aloxamentos, equipamentos para albergues, agrupacións sectoriais, desenvolvedores de software turístico, centrais de reserva, merchandising e recordos, guías, saúde para o peregrino ou representacións múltiples.

Fairway contará cunha importante presenza internacional. Así, no congreso abordaranse casos internacionais de peregrinación, haberá expositores de distintas orixes na feira profesional e no workshop tomarán parte 27 turoperadores de 15 países distintos: Colombia, Noruega, Irlanda, Brasil, Uruguai, Portugal, Nova Zelandia, Estados Unidos, Canadá, Arxentina, Reino Unido, Italia, Alemaña e España.

Estes hosted buyers andan á procura de empresas provedoras locais e de distintos puntos das rutas para cubriren a súa demanda de produtos e servizos, polo que os encontros con eles, no denominado workshop, teñen un carácter marcadamente executivo.

Ademais, e do mesmo xeito ca un grupo de xornalistas especializados, os hosted buyers realizarán distintas viaxes de familiarización, nas que visitarán tramos do Camiño Inglés e do Camiño Portugués.