O alcalde de Santiago de Compostela participou
no acto de conmemoración do trinta aniversario da Declaración do Camiño de Santiago como Itinerario Cultural Europeo. Na súa intervención, Martiño Noriega destacou a importancia do Camiño de Santiago como "ferramenta da reinvención dunha Europa que hai trinta anos, necesitaba reinventarse a si mesma".
Martiño Noriega, fixo un percorrido polo significado de Santiago como unha das ferramentas básicas para a procura dunha identidade europea. Dita identidade baseouse, segundo o alcalde, na riqueza da diversidade que achegou o Camiño: "a riqueza da diversidade foi sempre o mellor tesouro da nosa cidade. Naquel momento no que a Europa medieval necesitaba pensarse e procurar novos horizontes, Santiago exerceu como meta e como centro". Pero ademais, o rexedor deixou patente que "ao redor de Santiago de Compostela, naceu tamén un país atlántico que foi definido como célula de universalidade. Hoxe mostramos, reivindicamos e exercemos con orgullo a capitalidade deste noso país: Galiza".
O alcalde reivindicou a importancia do Camiño durante a Idade Media, pero tamén lembrou que, co paso do tempo, os camiños esmoreceran. Isto supuxo que hai trinta anos, como maneira de reinventar unha nova Europa "o Camiño de Santiago foi unha das ferramentas para esa reinvención, sendo recoñecido como o primeiro itinerario cultural europeo". Por iso, Noriega quixo recoñecer "a todas aquelas persoas que o fixeron posible, algunhas das cales, hoxe están aquí presentes. E agradecerlles en nome de Santiago de Compostela todo o seu esforzo".
Unha das consecuencias da Declaración do Camiño de Santiago como Itinerario Cultural Europeo foi o incremento de persoas que se achegan cada ano a visitar a cidade. "Daqueles 2.905 peregrinos de 1987 pasamos á cifra récord que supuxo o 2016 con 278.224. Cifra que, xa lles adianto foi superada neste 2017, a falta de dous meses e medio para que acabe o ano".