A Deputación de Pontevedra insta a Fomento actuacións viarias para mellorar a esguridade nos camiños xacobeos
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presidiu a Mesa do Camiño na que se deron cita a directora de Turismo da Xunta de Galicia, Nava Castro, o director xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, alcaldes e representantes dos gobernos municipais de Barro, A Estrada, A Guarda, Lalín, Nigrán, Pontecesures, Soutomaior, Tui e Vigo, así como o presidente da Fundación de Amigos do Camiño Portugués, Tino Lores. Durante o encontro decidiuse instar a Fomento a que prime e licite xa as actuacións de seguridade nos tramos da N-550 polos que discorre o Camiño, así como a sumar sinerxías para optimizar a promoción das rutas cara Santiago de Compostela.
No transcurso do encontro a presidenta provincial deu a coñecer todas as accións de promoción que a institución desenvolveu neste ano e as que se van desenvolver ao longo do ano 2018. Ao respecto, Silva destacou que "as accións están centradas en todas as áreas de posta en valor das rutas que transcorren cara Compostela pola provincia de Pontevedra, desde a difusión e publicidade, ben en revistas especializadas ben en xeneralistas, así como tamén a comunicación on-line, ata a participación en feiras ou naquelas actividades, como os fam trips, que teñen unha grande capacidade para facer chegar á cidadanía todo o que aporta o camiño a través de prescricións de bloggers ou instagramers".
Neste eido da promoción, a presenza en feiras foi outro dos puntos que se abordou na reunión da Mesa do Camiño. Así, as institucións integrantes da mesma acordaron estar presentes nas feiras nas que a administración autonómica participe e así, tal e como manifestou Silva, "sumar sinerxías, traballar conxuntamente para dar a coñecer os atractivos turísticos de todos os concellos polos que transcorren camiños cara Compostela".
Pola súa banda, a directora de Turismo da Xunta de Galicia, Nava Castro manifestou a importancia desta reunión que "para nós é fundamental xa que pola provincia de Pontevedra pasan varios camiños e precisamos seguir traballando conxuntamente". Entre outras cuestións, Castro adiantou que, segundo o Plan Director do Camiño, para o ano 2018 están previstas actuacións de gran incidencia, que suporán un investimento de dous millóns de euros, no Camiño Portugués e no Camiño Portugués pola Costa para mellorar os tramos e a súa sinalización. Ademais, a directora de Turismo tamén formulou a necesidade de "involucrar a Fomento para que mellore os tramos conflitivos na N-550 e que as peregrinas e peregrinos teñan máis seguridade".