Boucatise na Coruña

A Coruña acolle a terceira edición do Boucatise, o Festival do Bocata Gourmet, que se celebra no mercado de San Agustín esta mesma fin de semana, os días 2 e 3 decembro, entre as 12.00 e as 18.00 horas. Tal e como indicou o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, o Boucatise é un evento gastronómico "que ten como particular
idade que o protagonismo recae nun produto culinario relativamente pouco valorado, como é o bocadillo, que se presta a concepcións innovadora e que sorprenda a quen as poida degustar". 

Entre os obxectivos do festival, destacou o apoio ao sector da restauración da cidade, o fomento á calidade e a variedade gastronómica da Coruña e a posta en valor os mercados "como espazos que, ademais de dar a posibilidade de abastecer e ofrecer produto fresco, permiten celebrar eventos vinculados coa actividade primaria das prazas de abastos, ademais de situar A Coruña no mapa das actividades gastronómicas". A este respecto, o concelleiro quixo destacar tamén a páxina web do evento, www.boucatise.coruna.es, como novidade deste ano, na que se poderá ter acceso a toda a información do evento.

Nesta edición auméntanse ata os 14 puntos de venda de bocadillos no festival, con prezos por bocata que se manteñen como os anos anteriores, entre tres e cinco euros. En concreto, os establecementos participantes son o Alma Negra, Arallo Taberna, Bocanegra, Culuca Cociña-Bar, Casa Pardo, a Gastroteca, La Conquista, La Consentida Food &Soul, Malte, Miga, Oído Cocina!, Pablo Gallego Restaurante, o Roots e, como novidade, un local de fóra da cidade como é o Platero Utopic Food de Valencia, que participa como destino invitado, dentro das accións vinculadas á participación da Coruña na rede de cidades gastronómicas Saborea España.

Ademais, o programa inclúe, ao longo dos dous días, varios 'showcooking', nos que se poderá participar previa inscrición na web do festival. O sábado, os protagonistas serán David Fariña, do Alma Negra, Fernando Estévez, do Roots, Juan Fernández, do Malte e Pablo Gallego, do restaurante homónimo. O domingo, abrirá a sesión de showcooking Javier Rodríguez Ponte 'Taky', de Boketé, e estarán tamén Tino Otero, de Porto Muiños, e Iván Domínguez, do restarante Alborada, recoñecido cunha estrela Michelín. Lema destacou a presenza este ano do cociñeiro valenciano Alejandro Platero, de Platero Utopic Food, Macel.lum e Come y Calla, e representante do destino Valencia.