Unha delegación municipal de Cádiz coa seu primeiro tenente de alcalde e delegado de Urbanismo, Martín Vila Pérez, ao fronte visitou Pontevedra co fin de coñecer polo miúdo o modelo urbano, no que ven un referente a seguir para facer da súa unha cidade “amable, segura e dinámica”.
A delegación ten carácter político e técnico. Xunto con Vila Pérez viñeron Alejandro Jones, Múñoz, director de Urbanismo; Manuel Navarro Domínguez, arquitecto xefe da sección de Edificación e José Manuel Anelo Medina, director de Tráfico, Alumeado e Protección Civil.
Os representantes do Concello de Cádiz mantiveron en primeiro lugar, unha sesión de traballo técnica na que coñeceron e avaliaron o proceso de transformación urbana de Pontevedra da man do director xeral de Urbanismo, Xosé Manuel Tato e o intedente principal da Policía Local, Daniel Macenlle.
Rematada a reunión realizaron un paseo pola cidade guiado polo alcalde Miguel Fernández Lores quen lles amosou distintos espazos públicos recuperados para as persoas, como a accesibilidade universal é un feito, etc., como fomos quen de transformar Pontevedra nunha “cidade máis dinámica, democrática e igualitaria”.
Martín Vila Pérez, primeiro tenente de alcalde de Cádiz, explicou que teñen previsto un Plan de Mobilidade para o Nadal e o reto de ter peonalizado todo o seu casco histórico ao fin do mandato polo que miran cara a Pontevedra como exemplo, “para nós un referente como é para o mundo”.