A Asociación Provincial de Empresarios
de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL) celebrou o seu 40 aniversario esta mañá
nas instalacións do IES Sanxillao de Lugo.
No acto estiveron presentes a alcaldesa
de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío
Campos; o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Xosé Manuel Balseiro; o
subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo; o presidente da Federación
Española de Hostalería e Restauración (FEHR), José Luis Yzuel, e o presidente
da APEHL, Cheché Real, así como outras personalidades do mundo da hostalería.
Ademais de conmemorar esta data especial
cun vídeo no que se recordaron os inicios e se adiantaron os retos de futuro,
rendiuse homenaxe a varios socios fundadores pola súa achega e entrega na
creación da Asociación. Os recoñecementos foron para Alberto García, do Mesón
de Alberto, de Lugo; José Luis Loureiro, hostaleiro de Sarria e presidente da
APEHL dende 1983 a 1986, e Ángel López-Leitón, do Hotel Leytón, de Foz. Santiago
Argüeso, tamén recolleu un dos obsequios pola súa colaboración no proceso de
constitución e ser apoio fundamental para o primeiro presidente, Manuel
González-Granxeiro.
Trala entrega das figuras
conmemorativas, o presidente da APEHL, Cheché Real, comezou a súa intervención
lembrando precisamente “a todos
aqueles que, dalgunha ou doutra maneira, puxeron o seu grao de area ao longo de
todos estes anos e fixeron posible que hoxe a APEHL sexa o que é”.