Monforte intégrase na Rede de Xuderías de España

O Concello de Monforte súmase á proposta da Rede de Xuderías de España Descubridores de Sefarad, e coa que pretende aumentar o número de turistas na cvila. O Alcalde explicou que “é un programa no que todo o protagonismo se lle da ó viaxeiro e, polo tanto, imos distinguir como Descubridores de Sefarad a todos aqueles que se interesen por coñecer a nosa historia e cultura”.

José Tomé Roca engadiu que “a partir de agora, calquera viaxeiro que se achegue a Monforte vai poder solicitar na Oficina de Turismo o seu Pasaporte de Descubridor, que se lle selará en cada visita a unha das cidades da Rede. En concreto, imos dispoñer inicialmente de 500 pasaportes en castelán, e doutros 250 en inglés. No caso de esgotárense, repoñeríamos máis”.

Unha vez que o turista acumule un determinado número de selos, poderá recibir varios obsequios: un diario de viaxe (que se consegue con 5 selos), un diploma de descubridor e unha insignia de Sefarad (con 10 selos), algo similar á Compostela do Camiño de Santiago. Os premios recóllense nos mesmos lugares nos que se entregan os pasaportes e poñen os selos, é dicir, na Oficina de Turismo.

O Alcalde fixo fincapé en que “isto vai permitir non só o coñecemento de Monforte, senón que ademais, a nosa cidade vai servir de plataforma para coñecer as outras 18 que integran o grupo da Rede de Xuderías: Ávila, Barcelona, Cáceres, Calahorra, Córdoba, Estella-Lizarra, Hervás, Jaén, León, Lucena, Oviedo, Palma, Plasencia, Ribadavia, Segovia, Tarazona, Toledo e Tudela”.

José Tomé Roca engadiu que “seremos unha marca turística diferenciadora, á semellanza do que podería ser o Camiño de Santiago. É dicir, vainos permitir ser máis atractivos como oferta combinada para o mercado internacional. En especial, do continente americano e de Israel”.