Co obxectivo de dar a coñecer os seis xeodestinos da Coruña aos representantes municipais do país otomano e outras rexións europeas, a área de Turismo Deputación da Coruña está a participar no Programa de irmandamento entre cidades turcas e europeas que desenvolve á a Unión Europea en Istambul
O deputado de Turismo, Xosé Regueira, está a manter durante estes dous días un conxunto de entrevistas con autoridades e representantes das administracións locais turcas para promocionar as potencialidades de Ferrolterra, As Mariñas, Muros-Noia, Costa da Morte, Terras de Santiago e Arousa-Norte, ao tempo que intercambia impresións sobre futuros proxectos de cooperación e desenvolvemento entre rexións.
Esta conferencia de irmandamento internacional busca crear estruturas sustentábeis no intercambio entre administracións, un fin que persegue mediante a implementación de dous compoñentes.
Unha oportunidade de colaboración
"A participación neste programa é unha oportunidade para a promoción dos xeodestinos nun foro en que participan multitude de países europeos. A nosa proposta defende a aposta polo turismo de calidade, coa singularidade paisaxística, cultural ou gastronómica", explica Xosé Regueira da súa participación no foro en que está a desenvolver un apertado programa de entrevistas con cargos políticos e técnicos.
Deste xeito, representantes de diferentes administracións locais de Alemaña, Bulgaria, Croacia, Italia, Lituania, Polonia, Portugal ou Eslovaquia -entre outros, partillan cos responsables locais das rexións turcas de Adana, Ankara, Balikesir, Bursa, Karabük ou Antalya, en aras de promover proxectos asociativos que contribúan o reforzamento dos vínculos existentes entre as súas cidades e municipios.
Por un lado, as denominadas "Actividades de fomento das capacidades", entre as que destacan as actividades de preparación e prácticas, os traballos lexislativos ou a elaboración dun mapa de estradas entre cidades irmandadas. Por outra banda, o programa tamén integra o chamado "Réxime de subvencións do irmandamento de cidades", un instrumento que está deseñado para apoiar accións de mellora en pequenas localidades turcas e da UE.
Cun orzamento de subvencións próximo aos 2'6 millóns de euros, o Comité de Avaliación do programa, composto polos representantes dos Ministerios de Asuntos Europeos, a unión de Municipios de Turquía e a Unión de Servizos Provinciais, a institución comunitaria agarda que polo menos un total 20 proxectos sexan executados podendo acceder a un financiamento máxima de 130.000 euros.
Entre os temas que están a ser abordados dentro do programa de irmandamento da UE atópanse o turismo, a cultura, a protección do medio ambiente, a xestión urbana, a participación cidadá, a agricultura, así como outros asuntos vencellados ao desenvolvemento económico e social no nivel local.
Os programas de irmandamento da UE (Twinning), botaron a andar no ano 1998, coa entrada dos países do Este na Unión e, hoxe en día, representan unha ferramenta coa que a organización supranacional pretende fortalecer a cooperación entre as administracións públicas dos países candidatos e as dos Estados membro. Así, dende a Secretaría de Asuntos Europeos do Ministerio de Exteriores e cooperación, dende o 2010 estanse a artellar diferentes programas para involucrar aos actores locais en actividades relevantes da UE.
f_www.dicoruna.es