O acto inaugural do primeiro Seminario de Intercambio de Experiencias (SIE) no ámbito do Turismo do Eixo Atlántico contou coa presenza do secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, o alcalde de Monforte, José Tome e Darío Campos, presidente da Deputación de Lugo.
Organizado polo Eixo Atlántico e a Deputación de Lugo, o Seminario abordou o sector do turismo desde diferentes perspectivas coa partipación de expertos de cidades tanto galegas como portuguesas, ademais dun representante do concello de Barcelona.
Camen Pardo, consultora do Eixo Atlántico e ex-secretaria xeral de Turismo da Xunta de Galicia, xunto a Sergi Marí Ons, xerente da entidade Empresa e Turismo de Barcelona; Flavia Ramil, xerente da Empesa Municipal de Turismo de Santiago de Compostela e Ricardo Valente, vereador de Turismo do Porto achegaron os seus coñecementos baixo o epígrafe das “consecuencias da sobre-explotación do turismo”
Nesta primeira mesa expositiva hai que salientar a coicidencia dos representantes das tres cidades participantes na necesidade de descentralizar o turismo de determinadas zonas do territorio para diminuír a presión neses ámbitos e dispersala cara a outros lugares onde tamén o turista se poida sentir máis cómodo.
Marta Cabanas Cal, responsable do Departamento de Análise e Estratexia Europea do Eixo Atlántico, pola súa banda, explicou as “estratexias internacionais do ámbito do turismo” cunha ponencia sobre os proxectos europeos Destino Frontera e Epicah, actualmente en marcha, dirixidos a posicionar a fronteira como destino turístico.
Na última mesa abordáronse as “experiencias innovadoras das cidades do Eixo Atlántico”. Así, José Maria Magalhães, de Vila Real, fixo unha exposición sobre o turismo deportivo, explicando o impacto que o Campionato Mundial de Turismos (WTCC) tivo neste municipio.
Nuno Rodrigues, de Barcelos, explicou o traballo feito por Barcelos para posicionarse como destino creativo ata chegar a ser nomeada cidade creativa da Unesco no ámbito da artes e os oficios tradicionais.
Pola súa banda, Mario Duarte, de Vila Nova de Gaia, detallou os traballos feitos por Vila Nova de Gaia para aumentar o tempo de permanencia dos turistas e desconxestionar o centro historico por medio da promocion da súa franxa maritima e das súas praias.
Por último, Eduardo Vidal, da Deputación de Lugo, presentou as liñas máis innovadoras do seu plano estratéxico e os obxectivos marcados a curto, medio e longo prazo.
Trátase do primeiro SIE sobre turismo que se organiza no ámbito do Eixo Atlántico, e que se desenvolveu a partir da positiva experiencia que están a supor estes seminarios noutros ámbitos como o deporte, onde xa se realiza desde hai anos. Agora, trasladouse este xeito de traballar tamén ao sector do turismo, onde se detectou a necesidade de dar a coñecer as boas prácticas entre as cidades así como xerar un espazo de debate.