O Pleno do Consello Regulador autorizoua renovación da sinatura dun convenio coa Universidade de Vigo para avanzar nos trámites de cara á obtención da acreditación ENAC, segundo a norma UNE-EN ISO/IEC 17065, en 2018.
ENAC é unha organización declarada de utilidade pública, independente e sen ánimo de lucro cuxa misión é avalar a competencia técnica dos organismos de avaliación de conformidade para xerar, así, confianza nas súas actividades á Administración, ao mercado e á sociedade en xeral.
Segundo afirma García Pando, presidente do Consello Regulador, “esta acreditación é imprescindible para que os consumidores poidan ter garantías plenas de que detrás de cada botella de viño de Valdeorras que se comercializa existe un estrito control de calidade”.
Co obxecto de actualizar os procedementos do organismo que permitan avanzar nesta liña de traballo, o Pleno decidiu, ademais, promover modificacións nas normas de explotadores, de adegas e no manual de calidade. Xunto a isto, autorizouse a contratación dun técnico a media xornada para axudar ao Órgano de Control en todo o traballo necesario para axustar os parámetros da D.O. aos requirimentos de ENAC.
Finalmente, o Pleno aprobou tamén hoxe a renovación dos membros do Comité de Garantías do Consello Regulador para que cada un dos colectivos que compoñen o organismo teñan representación: cooperativas, adegas e viticultores. A éstes sumáranse os representantes do Ingacal e do Instituto Galego de Consumo e unha persoa en nome do propio Consello Regulador.