
O Plan Estratéxico de Turismo conta cun orzamento de 12 millóns de euros distribuído entre 2018 e 2020 para o desenvolvemento de accións centradas en cinco eixos centrais de actuación: a gobernanza, a estruturación da oferta, a excelencia no destino, a promoción efectiva e a comercialización, que definirán a estratexia de Turismo Rías Baixas nos vindeiros tres anos.
Deste xeito, e a través destes cinco eixos de actuación, preténdense "converter aos recursos, produtos e talento da provincia nos tres piares sobre os que actuar e construír un modelo de turismo sostible, excelente e innovador", tal e como indicou a presidenta provincial.
Dentro das liñas estratéxicas do plan, Carmela Silva fixo fincapé na xestión e gobernanza provincial do modelo turístico a través da cal, entre outras cuestións, porase en marcha unha "Mesa provincial de Turismo" que terá unha función propositiva e tamén de observación e seguimento da execución do plan.
Tamén detallou a presidenta provincial a necesidade de facer esforzos de comunicación e promoción, nacional e internacional, contemplados no plan, "xa que a provincia non é suficientemente coñecida e menos o interior, un interior único que ofrece oportunidades para completar a oferta". Máis polo miúdo, Silva informou que "imos dar un salto cualitativo na comunicación online e crear produtos e experiencias turísticas diferenciadoras apreciadas por visitantes e turistas, unha oferta turística adaptada ás demandas do século XXI, con novas experiencias que fomenten a desestacionalización e a complementariedade".