A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer os datos definitivos da ocupación hoteleira durante a pasada ponte de decembro que ascenderon ao 50% nas Rías Baixas. Silva informou que "pese ao temporal, esta ponte seguimos a rexistrar porcentaxes superiores ao ano 2016, máis en concreto dez puntos por riba que durante o mesmo período do ano anterior, cando a ocupación hoteleira fora do 40%, o que sitúa a este ano como o mellor ano turístico da última década".
A presidenta provincial asegurou que as estimacións previstas por Turismo Rías Baixas superáronse nas comarcas de Vigo e en Deza e Tabeirós-Terra de Montes. Deste xeito, "en Vigo agardábamos un 52% de ocupación e obtivemos un 54% e para Deza e Tabeirós-Terra de Montes estimábamos un 35% e obtivemos un 49%".
Para o resto das comarcas, tal e como explicou Carmela Silva, a ocupación definitiva situouse no 71,64% no Salnés, no 61% en Pontevedra, no 32,5% no Morrazo, no 71% en Caldas, no 30,5% no Baixo Miño e no 30% nas comarcas do Condado e A Paradanta.
En canto ao turismo rural, a presidenta da Deputación de Pontevedra informou que as estimacións foron superadas "xa que agardábamos unha ocupación media do 32% e acadamos o 35,15%, 25 puntos máis que no 2016".
Carmela Silva adiantou que "previsiblemente o día 19 de decembro imos presentar o Plan Estratéxico de Turismo que vai ser aprobado no pleno deste mes". A presidenta provincial asegurou durante esta presentación "daremos a coñecer as liñas estratéxicas e as accións concretas que vertebrarán a promoción turística da nosa provincia nos vindeiros anos".