O Consorcio de Santiago acometerá a ampliación do Museo do Pobo Galego

O Consorcio de Santiago celebrou a Comisión Executiva e Consello de Administración. Entre os temas abordados na orde do día, aprobáronse os presupostos para o vindeiro ano, que ascenden a 9.090.277,90 euros. A Administración Xeral do Estado achega 4.555.392,50 euros, a Xunta de Galicia 2.684.413 euros e o Concello de Santiago 1.406.216,74 euros.

O Consorcio investirá 2.010.529,96 euros noPrograma de Recuperación Urbana. Manteranse as tres liñas de axudas vixentes, dotadas en total con 450.000 euros. Por un lado, a dedicada á mellora de edificacións de titularidade privada, incidindo na optimización da eficiencia enerxética das vivendas. Realizarase a terceira convocatoria de axudas para a mellora dos locais comerciais. E continúa tamén a liña de axudas para o mantemento das envolventes exteriores dos edificios. Por outro lado, para o mantemento dos pavimentos da cidade histórica destinaranse 172.000 €.

As intervencións no patrimonio histórico-artístico da cidade representarán un total de 568.133,92 euros. Está previsto actuar na capela do Cristo do mosteiro de Santa María de Conxo; levarase a cabo o acondicionamento do cemiterio da igrexa da Orde Terceira para a súa apertura á cidadanía; intervirase nas igrexas de Agualada de Marantes, San Frutuoso, Santas Mariñas e Marrozos; nas capelas de San Roque e da Pastoriza, nas que se restaurará o cortaventos e o retablo, respectivamente. Ademais, destinaranse 23.756 euros a reparar as salas de ensaio do Auditorio de Galicia situadas no semisoto do edificio.

Nos vindeiros anos, a obra de maior calado que acometerá o Consorcio de Santiago será a adecuación da ala sur do convento de San Domingos de Bonaval para ampliación do Museo do Pobo Galego, que superará con creces os 2 millóns de euros. En 2018 está prevista a culminación da redacción do proxecto, a súa tramitación e licitación, xunto á primeira fase da obra, cun investimento de 56.624,41 €. As obras prolongaranse máis de dous anos.

Esta ampliación, por unha superficie estimada de 800 metros cadrados, esixirá unha musealización de novos produtos expositivos que recolla, cando menos, a recente historia de Galicia e que estea á altura do Museo que a albergará. De cara a avanzar no proxecto expositivo, subscribirase un convenio co Museo do Pobo Galego por importe de 45.000 euros.