O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo na xornada de lanzamento do proxecto "Raia Termal", que esta iniciativa entre Ourense e Portugal "é un exemplo de cooperación no ámbito termal, turístico e medioambiental". A xornada, presentada no marco do Foro "La Región" no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", expuxo os obxectivo do proxecto, baseados en crear unha rede entre Ourense e o Norte de Portugal para potenciar a riqueza termal de ámbolos dous territorios.
Manuel Baltar e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), Francisco Marín, inauguraron a xornada, no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense, na que tamén participaron os alcaldes dos concellos e cámaras portuguesas que forman parte desta acción transfronteiriza. Por parte de Ourense, os rexedores locais de Bande, Lobios, Cortegada e Muíños, mentres que por parte de Portugal, os representantes de Melgaço e Terras do Bouro.
O presidente do goberno provincial destacou que o termalismo e o turismo "unen con obxectivos comúns aos catro concellos ourensáns implicados neste proxecto e ao Norte de Portugal", e agradeceu á CHMS "a iniciativa de poñer en marcha este proxecto que a Deputación de Ourense apoiou desde o seu inicio, porque se trata de recuperar contornas naturais, mellorar a calidade das augas, achegar novas infraestruturas e seguir potenciando o termalismo que temos neste territorio. Todo elo, no marco dun proxecto que ascende de 2,6 millóns de euros para seguir achegando riqueza no ámbito termal e continuar coa aposta por un turismo natural e de calidade".
O investimento total do proxecto é de 2.659.767 euros, dos cales o 75 % será cofinanciado con fondos FEDER a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020. O proxecto iniciouse en marzo do 2015 coa sinatura dun protocolo entre o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva; o presidente da CHMS, Francisco Marín, e os alcaldes de Bande, Cortegada, Lobios, Muíños, José Antonio Armada, Avelino de Francisco, Mª del Carmen Yáñez e Plácido Álvares, respectivamente, ademais dos representantes das cámaras municipais portuguesas de Melgaço e Terras de Bouro.
A zona de actuación abrangue o sur da provincia de Ourense e o Norte de Portugal, concretamente, o espazo entre os ríos Miño e Limia, que delimitan os dous núcleos termais do destino "Raia Termal". A maioría destes municipios están afectados pola Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, declarada como tal no 2009 pola UNESCO, abranguendo 267.958 hectáreas de territorio protexido en dous espazos naturais divididos pola fronteira, pero unidos polas características da natureza e a cultura.
O slogan do proxecto "Raia Termal: un destino en dos países", resume o carácter transfronteirizo do proxecto e a necesidade de cooperación a ambos lados da fronteira na procura dun obxectivo común. O proxecto pretende a implantación de actuacións e a promoción do termalismo sen particularidades territoriais, sendo a cooperación a súa máxima expresión, coa creación dunha estrutura de xestión transfronteiriza para potenciar o turismo termal de fronteira e coordinar estratexias e acción de promoción do Destino Turístico Termal.