A boa acollida do mapa turístico e a nova imaxe de promoción dos seis xeodestinos foron un dos eixos do balance positivo coa que a Deputación da Coruña rematou a súa presenza na 38º Feira Internacional de Turismo (FITUR). O deputado responsábel da área, Xosé Regueira, fixo fincapé tamén no alcance que supuxo a presentación no programa oficial do Gran Fondo do Ézaro.
Cunha importante repercusión nos medios de comunicación e, de maneira especial, na prensa especializada en deportes, a presentación no programa oficial de Fitur do Gran Fondo do Ézaro supuxo para a Deputación da Coruña, un dos actos de maior alcance dos desenvolvidos no pavillón galego.
"Nesta nova edición, percibiuse que a feira está a recuperar a enerxía anterior á crise", sinala Xosé Regueira que destaca a boa acollida dos produtos presentados pola Deputación da Coruña tanto no acto do programa oficial como cos novos materiais que foron presentados oficialmente en FITUR.
Regueira, destacou tamén o éxito "do mapa de destinos que mostra, xunto cos outros materiais, que os xeodestinos son produtos que teñen moi boa recepción ao supor unha oferta de calidade con recursos singulares de interese".
Unha imaxe renovada, con novos soportes publicitarios e máis información das ofertas dos seis xeodestinos foi unha das novidades que a área de Turismo da Deputación da Coruña levou a esta nova edición de FITUR ademais da presentación do Gran Fondo do Ézaro na concorrida presentación oficial en que, ademais do deputado de Turismo, participou o alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño e os ciclistas Ezequiel Mosquera e Perico Delgado ademais de representantes do mundo do ciclismo e o turismo.
Os novos materiais promocionais teñen como obxectivo poñer de relevo os principais recursos naturais, culturais, patrimoniais e gastronómicos dos seis xeodestinos da súa estratexia de promoción turística, Ferrolterra, A Coruña e As Mariñas, Costa da Morte, Terras de Santiago, Ría de Muros e Noia e Ría de Arousa Norte contan con novos soportes promocionais que se están a repartir tamén nas oficinas de información turísticas.