Os campionatos de España de Remo que se disputarán os días 27 e 28 de xaneiro, en Ribadavia e Castrelo de Miño congragarán a 700 deportistas.
O asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González, sinalou que estas probas deportivas "contribúen a dar a coñecer as potencialidades que ofrece a nosa provincia", salientando "o apoio do goberno provincial ao remo a través do Centro de Adestramento de Remo (CERLAC), no que se dan cita ao longo do ano seleccións de diferentes países, que compiten en olimpíadas e campionatos de ámbito nacional e internacional".
Celebraranse o vindeiro sábado, 27 de xaneiro, no Pavillón Municipal de Ribadavia, que acollerá o XVII Campionato de España de Remoergómetro, e ao día seguinte terá lugar no Parque Náutico de Castrelo de Miño o VIII Campionato de España de Fondo Trial de Inverno. Ambos eventos comezarán ás 9.00 horas.
O presidente da Federación Galega de Remo salientou a crecente participación nas probas deportivas con respecto ao ano pasado, "participando, en total en ambos campionatos, 700 remeiros, de 62 clubs de toda España". O alcalde de Castrelo de Miño dixo que "os equipos poderán gozar da primeira fase da reforma das instalacións do parque náutico, financiada pola Xunta e a Deputación de Ourense", e o alcalde de Ribadavia salientou que estes eventos "son unha oportunidade importante para o noso concello, tanto deportiva como social e economicamente", e destacou a importancia da colaboración institucional.