Incremento xeralizado de visitas na Rede Museística de Lugo

Con respecto ao 2016, a Rede Museística da Deputación de Lugo rexistrou un aumento no número de visitas, coa excepción do Museo Pazo de Tor, que permaneceu pechado ao público por traballos de desinsectación e mantemento nos meses de maio e xuño. O resto dos museos incrementaron considerablemente o número de visitantes, pasando dos 102.876 aos 110.749, o que supón un incremento de máis dun 7% con respecto ao 2016.

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, subliñou que “dende o Goberno da Deputación programamos actividades, exposicións e visitas ao longo do ano co obxectivo de aproveitar o noso patrimonio material e inmaterial, ao tempo que fomentamos o turismo cultural. Cómpre destacar que o número total de visitantes aumentou en 7.783 con respecto ao ano 2016, o que supón un incremento dun 7% nos 4 museos que conforman a Rede Museística Provincial de Lugo”.

O número de visitas experimentou un incremento xeralizado nos museos da Rede Museística. No Museo Provincial de Lugo, foron 4.368 visitantes máis, en total 51.872. No Museo Provincial do Mar foron 2.815 visitantes máis, en total 25.127. No Museo-Fortaleza San Paio de Narla foron 836 visitantes máis, en total 25.266. O único museo que experimentou unha diminución do número de visitantes foi o Pazo de Tor, que permaneceu pechado en maio e xuño por traballos de desinsectación, e por iso recibiu 2.108 visitas menos que en 2016, un total de 8.484.

Os meses do ano onde se rexistraron un maior número de visitas nos 4 museos da Rede durante o 2017 foron xullo con 12.700 visitantes e agosto con 18.641 en total. Os meses con maior repunte con respecto ao 2016 foron abril, cun incremento do 25% e setembro, cun incremento do 16%. O Museo do Pazo de Tor, rexistrou un aumento do 42% en abril, cun total de 1.248 visitas. O Museo Provincial de Lugo, rexistrou un aumento do 22% en setembro, con un total de 4.450 visitantes nese mes.

f_ deputacionlugo.org