A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo unhna reunión en Madrid co presidente de ADIF, Juan Bravo, en busca de un compromiso cara unha nova xuntanza este mesmo mes, en concreto na semana do 22 de xaneiro, a tres bandas –Adif, Xunta e Concello- para impulsar a construción dunha Estación Intermodal en Lugo, a única das grandes cidades galegas para a que nin nos orzamentos autonómicos nin nos estatais se contemplan a día de hoxe fondos para poñer en marcha unha infraestrutura deste tipo.
Na nova xuntanza a celebrar antes de finalizar o mes participarán técnicos das tres administracións co fin de “avanzar no proxecto da Intermodal, o único que nos garante que o AVE chegue a Lugo e, deste xeito, dispoñer de infraestruturas ferroviarias modernas que nos comuniquen co resto de Galicia e da Meseta, que vertebren o territorio, impulsen o desenvolvemento social e económico da nosa cidade e nos fagan, en definitiva, cidadáns de primeira, como se merecen os lucenses”.
Méndez cualificou de “fructífero” o encontro co presidente de Adif, no que tamén participou a directora xeral de Explotación e Construción desta entidade pública empresarial dependente do Ministerio de Fomento, un encontro que se celebrou tras a petición realizada pola rexedora a finais do pasado mes de maio. “Xa antes de comezar deu os seus froitos, polo que cabe esperar que empecemos a materializar este proxecto de maneira inmediata. E dígoo porque de camiño a Madrid soubemos que a Xunta xa empeza a falar de investimentos, de partidas presupostarias, e iso é o que necesitamos, compromisos orzamentarios para poder materializar este gran proxecto que é a Intermodal para Lugo”, subliñou a Alcaldesa en referencia ao anuncio da Xunta desta mañá sobre o remate dos estudos previos da Estación, para a que dixo estimar necesario un investimento de 6,5M€.
“O maior sorprendido incluso” por esta nova dada pola Xunta, explicou Lara Méndez, “ata foi o propio presidente de ADIF. “Isto é o inicio para seguir avanzando neste compromiso que queremos os lucenses, polo que xa cerramos unha reunión dende o punto de vista técnico entre as tres administracións na semana do 22 de xaneiro”, engadiu a rexedora.