
Campos Conde presentou os vídeos promocionais Os sentimentos dunha viaxe xunto a Martín Barreiro, embaixador da campaña Lugo Cambia, e dos Alcaldes dos principais Concellos da provincia polo seu número de habitantes: Lugo (Lara Méndez), Viveiro (María Loureiro) e Monforte de Lemos (José Tomé Roca). Tamén estivo na presentación, o Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde.
Estes novos spots, que se atopan en www.deputacionlugo.gal, nun apartado específico sobre turismo, difundiranse a nivel internacional en reputadas plataformas para dar a coñecer os recursos patrimoniais, naturais, culturais ou gastronómicos que se poden atopar nos 67 Concellos co obxectivo de atraer á provincia máis visitantes. En primeiro lugar, farase en medios de Galicia, España e Portugal, posto que son as zonas inmediatas de captación de turistas.
Dario Conde destacou que “Lugo é unha provincia única que cambia de recuncho a recuncho e que parece acoller varios mundos, pois nela podemos gozar de máis de 100 quilómetros de costa, con praias catalogadas como xoias mundiais, ou 800 quilómetros de rutas de peregrinación; Lugo posúe o maior espazo natural de Galicia: Os Ancares e O Courel. O 50% do seu territorio está recoñecido pola UNESCO como Reserva da Biosfera; son Patrimonio da Humanidade a Muralla de Lugo, as Catedrais de Lugo e Mondoñedo, e os Camiños Norte e Primitivo; conservamos unha das maiores concentracións de románico de toda Europa, que se estende pola idílica Ribeira Sacra”.