A Deputación de Ourense xunto coa empresa Xoia, Xoel Vázquez está implicada nun proxecto 3D de realidade aumentada que une patrimonio histórico e viticultura, que acaba de ser presentado. "Trátase dunha iniciativa de vangarda tecnolóxica, na que se implica a Deputación de Ourense, para amosar unha nova maneira de achegar aos visitantes os valores turísticos, histórico-patrimoniais e vitivinícolas desta contorna de Oímbra, que conta con importantes elementos arqueolóxicos e cun sector do viño que ten oito adegas acollidas á Denominación de Orixe Monterrei", explicou Manuel Baltar.
O presidente do goberno provincial -quen xa anunciara esta iniciativa no pasado debate sobre o estado da provincia- expresou que a riqueza etnográfica de Oímbra unida ao ámbito vitivinícola "é, ademais dunha tradición, unha herdanza histórica que temos a obriga de recuperar e potenciar, e a tecnoloxía aplicada ao turismo permitiramos por medio deste proxecto percorrer e revivir visual e informativamente o municipio de Galicia con maior concentración de lagares rupestres, así como unha adega do século XVIII cun alto valor arquitectónico", dixo Manuel Baltar, engadindo que a tecnoloxía "ponse ao servizo da historia para ofrecernos unha viaxe no tempo inclusiva e interactiva sen movernos do século XXI, valorizando a riqueza do noso rural".
A través dunha APP no móbil o visitante poderá ver unha reconstrución do pasado e ver en tempo real todo o esplendor dos Lagares de Oímbra, ademais de iniciativas que permiten promocionar as adegas da zona. Esta tecnoloxía permite "revivir" edificacións, escenas e outros elementos históricos, á vez que se amosa ao visitante información sobre a historia das adegas e as características do seu viño. Desta maneira créase unha experiencia visual, lúdica e didáctica que une os conceptos de promoción turística e económica.
Ademais da visualización en 3D dos lagares e da adega centenaria, o visitante poderá ver unha ficha con cada unha das adegas de Oímbra, na que se explica a historia delas e as características do seu viño, segundo explicaron os responsables de Xoia. Cada escena recréase coa maior veracidade histórica a través do modelado 3D das estancias, xunto a personaxes, mobiliario e accesorios, ademais de animacións que permitan coñecer como se desenvolvía unha determinada actividade.
A aplicación, que non requirirá de conexión a Internet, só a súa descarga, estará dispoñible en galego e castelán para os sistemas iOS e Android, e nela, as etiquetas das botellas de viño actuarán como marcador (patrón visual, recoñecible pola aplicación e sobre as cales se proxecta a realidade aumentada). Desta maneira, ao enfocar a etiqueta amosarase en realidade aumentada a ficha da adega correspondente, con información sobre a súa historia e viños, e tamén se poderá acceder ás recreacións dos lagares e da antiga adega, que foi realizada baixo a supervisión de arqueólogos e historiadores expertos nesa época.