O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores presentou en Fitur Multisport Pontevedra 2019 respaldado polas máximas autoridades deportivas. No triatlón necesitamos dúas cousas: deportistas e capacidade organizativa. Esas dúas dúas cousas achégannolas Pontevedra e Galiza”. Foron palabras de Marisol Casado, presidenta da ITU, a Federación Internacional de Triatlón, na presentación do Multisport Pontevedra 2019 que terá lugar entre o 27 de abril e o 5 de maio na cidade.
No evento presidido polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores interviñeron os máximos responsables de deportes do estado, José Ramón Lete e da Xunta, Marta Míguez, así como a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o presidente da Federación Española de Triatlón, José Hidalgo e a directora da Axencia Galega de Turismo, Nava Castro.
O alcalde dixo que este tipo de probas, moi relacionadas co espazo público, son idóneas para Pontevedra, porque amosan que unha cidade coa mobilidade avanzada e alternativa como é a nosa, está moito mellor preparada que outras para poñer rúas, prazas e espazos naturais ao servizo do deporte: “As cidades deben cambiar -dixo Lores- porque non poden ser agresivas nin violentas, e teñen que recuperar o espazo público para que a xente disfrute”.
Tras citar a Vicente Risco coa súa famosa “Galiza é un mundo enteiro”, o secretario español de Deportes, José Ramón Lete Lasa, aludiu ao mundo do deporte, “un mundo que non se limita ao fútbol, senón que abrangue un gran número de actividades das que Pontevedra e a súa enorme vida deportiva son un bo exemplo”.
Con estes mundiais de Triatlón “vas petala”, dixo ao alcalde a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que mostrou o seu apoio ao evento porque “ao promover o deporte, estamos axudando a construír mellores persoas; xa Pontevedra é unha cidade recuperada para as persoas, pero con eventos como este converten a vila nun auténtico exitazo”.
Foi Marta Míguez, representante da Xunta, quen falou da enorme experiencia de Pontevedra para organizar eventos deportivos, e dixo que así contribuíamos entre todos a posicionar a Galiza como potencia deportiva e como destino para moitas persoas atraídas polo deporte. A propia existencia do CGTD na nosa cidade foi tamén relacionada coa longa relación que Pontevedra ten co triatlón.
Aspectos deportivos que tamén salientou a anfitrioa Nava Castro, directora da Axencia Galega de Turismo, quen puxo o foco na pegada cultural e o carácter peonil de Pontevedra como dous dos seus máximos valores.
Ao principio da súa intervención, o alcalde Lores felicitouse por ver neste acto “unha alta representación de todas as entidades públicas relacionadas co deporte, así como os máximos responsables do triatlón mundial e español”. Ao remate do acto, a presidenta do Congreso, Ana Pastor, achegouse a saudar ao alcalde da súa cidade e desexarlle “éxitos no evento”.