Visto bo para o Xeoparque de Ortegal

Despois de ser aprobado pola Comisión de Cooperación, Plans Provinciais Xerais, Asistencia a Municipios, Turismo e Patrimonio Histórico-Artístico, este venres a Deputación da Coruña dará o visto bo no pleno á creación do Xeoparque de Ortegal, xunto cos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, un proxecto intermunicipal para a que a institución xa consignou nos seus orzamentos do ano 2018, unha partida económica de 500.000 euros.

O texto do convenio establece as bases para a creación dun proxecto de cooperación intermunicipal entre a Deputación da Coruña e os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido. Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, co obxectivo de promover e xestionar de forma conxunta o Xeoparque de Ortegal, e así contribuír a optimizar a xestión dos medios persoais, materiais e técnicos necesarios para implementar o proxecto. O pasado mes de novembro, estes concellos xa votaron en pleno extraordinario a súa integración no Xeoparque.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que a iniciativa permitirá "que os sete concellos xunten esforzos e traballen conxuntamente para a conservación e posta en valor do patrimonio". Asemade, o Xeoparque de Ortegal implicará un compromiso co desenvolvemento local vinculado a unha aposta pola promoción xeoturística e de produtos locais, e permitirá que os municipios formen parte da rede europea e global de xeoparques.

Pola súa banda, o responsable da área de Plans, Turismo e Patrimonio da Deputación, Xosé Regueira, destacou que "o esforzo e as sinerxías destes concellos contribuirán dunha forma decidida a conservación e a difusión do patrimonio histórico da zona", un obxectivo, engadiu "que encaixa perfectamente coas liñas de traballo que vertebran a estratexia da Deputación en relación coa riqueza patrimonial". Neste sentido, o orzamento da Deputación para este ano contempla xa unha partida de 500.000 euros con destino ao Xeoparque de Ortegal.

O convenio terá unha duración de catro anos, prorrogables a catro adicionais, contemplándose no mesmo as obrigas e as actuacións que deberán acometer cada unha das sete corporacións locais integradas no proxecto. Así, entre os seus apartados recóllese a creación dun Consello de Dirección, composto por representantes dos concellos e da institución provincial, e cuxa presidencia rotará anualmente entre os municipios participantes.

Do mesmo xeito, cada unha dos concellos deberá confeccionar unha Memoria e un Programa actuacións, que deberá adxuntar xunto cos estudos económicos, financeiros e técnico-administrativo para a elaboración dun Plan Director que describa as funcións e actividades que se desenvolverán no proxecto.

A consolidación do Xeoparque Ortegal contribuirá a facer do territorio da comarca unha zona de desenvolvemento sostible, cunha estratexia baseada nos seus recursos culturais e naturais, unha conxuntura que incidirá de xeito positivo na promoción e crecemento dos municipios que abrangue.