A Deputación de Pontevedra pon en marcha a Mesa Provincial do Turismo

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, presidiu a creación da Mesa Provincial do Turismo. No acto estiveron presentes alcaldes e alcaldesas de municipios catalogados de interese turístico, entidades supramunicipais, representantes do sector privado e organizacións de formación turísitica.

Carmela Silva informou que "dentro do Plan Estratéxico de Turismo formulábase como liña estratéxica a creación dunha Mesa Provincial do Turismo na que se darían cita todas as administracións públicas e organizacións privadas para ir acordando accións para poñer en valor un sector, como é o turismo, que supón o 11% do PIB galego. Hoxe estamos aquí para constituír esta mesa e poñer en marcha o seu funcionamento". Ao respecto a presidenta provincial deu a coñecer os principais puntos que recolle a proposta de regulamento do funcionamento interno da Mesa, cuxos integrantes teñen de prazo dez días para aportar suxestións de mellora. 

Máis polo miúdo, segundo especifica a proposta de regulamento entregada esta mañá, ao longo do ano haberá dúas reunións que poderán ampliarse con convocatorias extraordinarias de precisarse. Nestes encontros, tal e como informou Silva, estudaranse as necesidades do sector, a posta en marcha de produtos turísticos orientados a desestacionalizar a demanda ou, entre outras cuestións, as accións de promoción a poñer en marcha.

A Mesa Provincial do Turismo estará integrada por 20 persoas. A presidenta da Deputación detallou "que a Mesa estará composta pola Presidenta da Deputación de Pontevedra e 3 representantes da institución provincial (o deputado delegado de Turismo, a xefa de servizo de Turismo e unha persoa de perfil técnico); 1 persoa en representación de Turismo de Galicia e outra da Secretaría de Turismo do Estado; 7 persoas pertencentes ao sector público da provincia e 1 de cada concellos que supere os 50.000 habitantes (Vigo e Pontevedra); tamén haberá dúas persoas en representación dos concellos de interese turístico da provincia e outra dos destinos adheridos ao SICTED; das entidades supramunicipais haberá dúas persoas (1 dos grupos de acción local participativa do sector pesqueiro e outra de entidades con funcións de xestión e promoción turística como poden ser as mancomunidades); amais, tamén se darán cita na Mesa tres representantes do ámbito académico (Máster de Turismo da Universidade de Vigo, CIPF Manuel Antonio e CIPF Carlos Orozoa), outra do Aeroporto de Vigo e tres do sector turístico privado (Clúster de Turismo, Feprohos e da Ruta do Viño)".