Axudas para o sector apícola

A Consellería do Medio Rural achegará este ano 603.000 euros á orde de axudas á apicultura de 2018. Así llelo avanzo a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, aos representantes de diferentes asociacións e agrupacións sectoriais. 

O borrador da orde deste ano, ademais de incrementar o orzamento das axudas, introduce diferentes novidades que buscan mellorar a xestión destes fondos. Entre elas salienta a modificación dos criterios obxectivos de outorgamento das subvencións, puntuando aspectos como a dimensión das explotacións, a pertenza do solicitante á Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia ou o seu rexistro no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia.

Estas axudas financian actuacións como a asistencia técnica aos apicultores por parte das agrupacións, mediante a contratación de técnicos e especialistas en materias relacionadas coa produción e a comercialización dos seus produtos. Tamén serven para favorecer a sanidade apícola, para a organización de cursos e xornadas de formación e para a elaboración de material de divulgación, como folletos, catálogos ou soportes audiovisuais e informáticos.

Así mesmo, con estas achegas fináncianse actuacións de loita fronte ás agresións e enfermidades das colmeas como a varroase, tanto mediante a adquisición de tratamentos contra esta enfermidade como a través da sobrealimentación das colmeas ou a renovación e purificación de ceras e adquisición de fondos sanitarios.