O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e os alcaldes e alcaldesa de Cariño, José Miguel Alonso Pumar; Cedeira, Pablo Moreda; Cerdido, Benigno Galego; Moeche, Beatriz Bascoy; Ortigueira, Juan Penabad; San Sadurniño, Secundino García, e Valdoviño, Alberto González asinaron o convenio de constitución do Xeoparque de Ortegal. O acto contou tamén coa asistencia do deputado responsable da área de Plans e Cooperación da institución provincial, Xosé Regueira.
A creación do Xeoparque de Ortegal, que xa foi refrendada a finais do ano pasado nos plenos municipais dos sete concellos participantes, e o mes pasado no pleno da Deputación da Coruña, contribuirá á promoción e desenvolvemento destes municipios, ao tempo que posibilitará, cando a UNESCO emita un informe favorable, a integración dos mesmos na rede europea e global de xeoparques.
Con esta iniciativa, a Deputación e as entidade locais asumirán durante os vindeiros catro anos, con opción a catro adicionais, a xestión dos recursos persoais, materiais e técnicos dun proxecto que incidirá dun xeito positivo na súa proxección xeoturística.
Tras ser aprobadas as bases do Xeoparque de Ortegal, cada un dos concellos deberá confeccionar de xeito individualizado unha Memoria, un Plan de actuacións e diversos estudos de calado económico-financeiro e técnico administrativo, cos que finalmente se artellará un Plan Director que rexerá o funcionamento do Xeoparque de Ortegal.
Nesta mesma liña, o texto suscrito esta mañá na sede da Deputación da Coruña prevé a creación dun Consello Director, cun organigrama integrado por representantes de cada un dos concellos e representantes da Deputación da Coruña, e cuxa presidencia rotará anualmente entre os municipios.